Inicio Galicia A Xunta propón á Fegamp axudar na tramitación de sancións relacionadas coa...

A Xunta propón á Fegamp axudar na tramitación de sancións relacionadas coa covid-19 que son competencia dos concellos

0
image_gallery.jpg

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuníronse hoxe co presidente da Fegamp, Alberto Varela


A Xunta vén de propoñer á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) axudalos na tramitación de sancións relacionadas coa covid-19 que son da súa competencia. Así, persoal empregado público da Administración autonómica encargaríase de levar a cabo as actuacións auxiliares e de colaboración material á hora de tramitar estes expedientes sancionadores no caso dos concellos que non teñan capacidade para facelo.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuníronse hoxe co presidente da Fegamp, Alberto Varela, para facerlle chegar un borrador de convenio neste sentido, ao que os concellos poderían adherirse de forma voluntaria.

O convenio ten como obxectivo contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios.

Segundo recolle o texto proposto, a Xunta encargarase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores derivados da covid-19. O Goberno galego disporá de unidades tramitadoras base, supervisoras e de coordinación que se encargarán da elaboración material dos trámites en auxilio técnico dos instrutores dos procedementos designados polos concellos, que se encargarán da formalización dos actos de carácter xurídico.

Tanto as unidades tramitadoras como os concellos contarán cunha guía de tramitación, na que se recollerán todas as actuacións necesarias para que as unidades tramitadoras poidan completar os expedientes electrónicos de cada procedemento, antes de remitilos aos concellos para o seu arquivo.

Entre os trámites, o persoal da Xunta poderá encargarse de redactar os acordos de incoación; de realizar as notificacións destes acordos, coas que se achegarán as cartas de pagamento; ou de elaborar propostas de resolución nos casos nos que non se procedese ao pagamento ou cando haxa alegacións. Todo este apoio realizarase sempre baixo a supervisión do concello -nomeadamente, do instrutor-, que se deberá encargar da súa formalización, como a sinatura dos acordos de incoación ou das propostas de resolución. En definitiva, as unidades tramitadoras da Xunta encargaranse da redacción de documentos e os concellos da súa revisión e sinatura.

A Xunta aposta así por colaborar cos concellos que o precisan, tras confirmar o Consello Consultivo que estes son competentes para incoar, tramitar e resolver expedientes sancionadores relacionados co incumprimento das restricións sanitarias vixentes para frear a pandemia de covid-19 cando estas se produzan dentro do ámbito das súas competencias: industrias, actividades, servizos e transportes, edificios, lugares de vivenda e convivencia humana.

Así, e máis en concreto, o informe aclara que entrarían dentro destes supostos, e polo tanto, dentro das competencias dos concellos, o control e as sancións sobre incumprimentos de actividades prohibidas, normas de aforo, horarios de peche e o incumprimento do uso obrigatorio da máscara en actividades ou espazos públicos. O informe precisa tamén que non é necesario que os concellos aproben unha ordenanza para poder sancionar estes incumprimentos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre