Inicio Galicia A Xunta promoverá a posta en marcha de accións contra a violencia...

A Xunta promoverá a posta en marcha de accións contra a violencia de xénero entre a poboación refuxiada e desprazada

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe oito convenios de colaboración con outras tantas organizacións para levar a cabo estas iniciativas no ámbito da cooperación internacional

A Xunta promoverá a posta en marcha de accións contra a violencia de xénero e a favor da igualdade de mulleres e homes entre a poboación refuxiada e desprazada de distintas partes do mundo.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe oito convenios de colaboración con este obxectivo coas ONGD Médicos do Mundo; Farmacéuticos Mundi; Entreculturas Fe e Alegría; Fundación Educación e Cooperación (Educo); Fundación AIDA Axuda, Intercambio e Desenvolvemento; e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP); así como co Comité español do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) e a Axencia de Nacións Unidas para os refuxiados de Palestina en España (UNRWA- España). No acto, ademais dos representantes de cada entidade, tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

En total, a Xunta investirá un total de 500.000 euros nestes acordos, un orzamento que se inscribe dentro da execución do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma en asinar este tipo de convenios ao abeiro do Pacto de Estado, que inclúe entre as súas medidas o impulso da loita contra esta lacra no ámbito da cooperación internacional.

Grazas a este orzamento, as entidades beneficiarias levarán a cabo accións entre a poboación refuxiada congoleña en Uganda; entre as refuxiadas sirias e palestinas do Líbano; nos asentamentos de refuxiados e desprazados de Kenia e Níxer; entre a poboación afectada polo proceso migratorio mesoamericano no Salvador, Honduras, Guatemala e México; e na fronteira sur de México.

As iniciativas abordarán diversos aspectos como a atención psicosocial, as campañas de sensibilización e prevención, ou actividades de empoderamento das mulleres. Todas elas dirixidas a mellorar as condicións da vida da poboación, nomeadamente das mulleres e nenas, e contribuír a erradicar a lacra da violencia de xénero e da desigualdade sexa onde sexa. 16 millóns de eurosEste acordo inscríbese nas distintas medidas que está a impulsar a Xunta este ano para executar o Pacto de Estado contra Violencia de Xénero, que está dotado con preto de 16 millóns de euros en total en Galicia.

Así, xa se asinaron acordos de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo; con Educación; con Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; coa Secretaría Xeral para o Deporte; con Política Social; con Medio rural; e con Sanidade. Tamén se están ratificando marcos de colaboración nesta materia coas Universidades galegas, co Colexio Oficial de Traballo Social ou co Colexio Oficial de Psicoloxía. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre