Inicio Galicia A Xunta promove un proxecto piloto para impulsar a incorporación do deseño...

A Xunta promove un proxecto piloto para impulsar a incorporación do deseño estratéxico no sector agroalimentario

0

Dez empresas galegas dedicadas á produción e comercialización de viño, lácteos, café, algas, produtos cárnicos e conxelados descubriron novas oportunidades de innovación a través do deseño galego


A Consellería de Economía, Emprego e Industria completou o primeiro dos proxectos piloto destinados a impulsar a implantación do deseño estratéxico nas empresas galegas como ferramenta de innovación e competitividade. A iniciativa, que continúa nos sectores do granito e da lousa, púxose en marcha en setembro con 10 empresas do sector agroalimentario, a maioría delas pemes, que participaron no proxecto ao longo destes catro meses co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Clúster da Alimentación de Galicia (Clusaga).

Paco&Lola, Portomuíños, Casa Grande de Xanceda, Cafés Candelas, Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), Nueva Pescanova, Congalsa, Dairylac, Queixería Barral e Coren son as empresas que nestes meses abordaron a través de varias xornadas de traballo as oportunidades de crecemento que o deseño representa para elas.

Este proxecto piloto forma parte do Programa de Deseño para a Innovación 2020, promovido pola Xunta de Galicia, coa finalidade de estimular e acompañar o establecemento de relacións produtivas entre empresas e profesionais do deseño, e así comercializar con éxito produtos e servizos innovadores que atendan as novas esixencias do mercado.

A través de metodoloxías focalizadas no crecemento e a innovación centrada no cliente, o proxecto iniciouse coa identificación de áreas de interese común para as empresas participantes. A partir delas, realizouse un exhaustivo traballo conxunto cos profesionais do deseño para poñer en marcha un mapa de novas oportunidades de innovación relacionadas con tres ámbitos concretos: envases innovadores, sustentables e novos materiais; desenvolvemento de novos produtos saudables; e comercialización e interacción cos consumidores no proceso de compra.

O traballo en colaboración das empresas cos deseñadores e deseñadoras galegos permitiu identificar varios produtos e servizos innovadores capaces de responder ás novas esixencias dos clientes e ofrecerlles experiencias que os fidelicen. Os profesionais dos estudios Costa Comunicación Visual, Desoños, Imaisdé, Unconventional London e Cenlitrosmetrocadrado ofrecéronlles ás empresas perspectivas novas baseadas na creatividade coas que afrontar e mesmo adiantarse ás demandas do mercado.

Ao longo deste mes de decembro puxéronse tamén en marcha os workshops de inicio doutros dous sectores económicos seleccionados para estes proxectos piloto: o da lousa e o do granito, para o que tamén se conta co apoio dos clústers destes sectores.

A metodoloxía aplicada nestes proxectos para identificar oportunidades de innovación e canalizalas a través do deseño estratéxico é a mesma que lles ten permitido realizar importantes avances no mercado a compañías líderes a nivel internacional como Bayer, Motorola, Microsoft, Colgate-Palmolive ou P&G.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre