Inicio Galicia A Xunta promove a reflexión sobre a divulgación cultural e científica en...

A Xunta promove a reflexión sobre a divulgación cultural e científica en internet a través do segundo encontro #Culturalike

0

Organizado pola Cidade da Cultura, será emitido en liña o 20 de maio e amosará as potencialidades da rede para difundir coñecemento dun xeito efectivo e accesible


A Xunta de Galicia promove o vindeiro mércores 20 de maio a segunda edición de #CulturaLike, un encontro para reflexionar sobre as claves da divulgación cultural e científica en internet, que será emitido en liña e reunirá a tres grandes divulgadores da rede: os galegos Déborah García Bello –Deborah Ciencia– e Miguel Ángel Cajigal –El Barroquista– e o manchego José Luis Crespo –Quantum Fracture–. O evento, organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, enmárcase no programa de actividades #aculturasegue da Consellería de Cultura e Turismo, baixo o que se están a lanzar contidos formativos e de lecer de calidade e en liña no contexto actual de emerxencia sanitaria.

Esta xornada –que se poderá seguir en liña e de balde a través da web e redes sociais da Cidade da Cultura amosará como os contidos científicos tamén son capaces de converterse en trending topic, demostrando que as ferramentas dixitais serven de aliadas para difundir coñecemento dun xeito accesible, rachando coas canles de acceso tradicionais e permitindo espallar e democratizar sen lindes físicos ou académicos contidos culturais.#CulturaLike2 enmárcase na programación que a Cidade da Cultura de Galicia desenvolverá con motivo do Día Internacional dos Museos, ao longo da semana do 18 de maio. O encontro contará, por unha banda, coa participación de Déborah García Bello –Deborah Ciencia nas redes–, copresentadora do programa de divulgación científica Órbita Laika (TVE), colaboradora de Galicia por Diante (Radio Galega) e autora científica da Editorial Planeta, onde vén de publicar No tocar. Ciencia contra la desinformación en la pandemia de COVID-19 (Paidós). Divulgadora moi activa en todas as plataformas, conta con máis de 100.000 seguidores entre YouTube, Twitter e Instagram. Foi Premio Tesla de divulgación en 2016, premio Jot Down Ciencia en 2017 e dirixe dende 2016 as xornadas Ciencia y Arte coa Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim.

Doutra banda, intervirá o manchego José Luis Crespo, coñecido na rede como Quantum Fracture, físico e divulgador con máis de dous millóns de seguidores na súa canle de YouTube e medio millón máis nas diferentes redes sociais. O seu traballo revolucionou as redes, demostrando que se pode cativar a millóns de persoas falando de ciencia. Colabora con institucións como o CSIC, o Instituto de Física Teórica ou o CERN.

Os dous coñecidos divulgadores, en conversa con Miguel Ángel Cajigal, El Barroquista, falarán de como enfocar a divulgación científica e como lograr que a ciencia pura sexa divertida e poida enganchar a unha audiencia masiva. Darán conta da súa maneira de traballar para que os participantes nesta xornada poidan coñecer como se fai divulgación dende dentro e aprender con eles a divulgar contidos nas diferentes canles.

Da man destes dous destacados creadores de contidos científicos nas redes sociais, os e as participantes de #CulturaLike2 terán a oportunidade de coñecer as claves dos novos relatos en Internet, a potencialidade da súa difusión en liña e as importancia do seu deseño para facilitar a súa comprensión e acadar un maior impacto.

Esta nova cita con #CulturaLike chega despois dunha primeira edición, centrada nos contidos culturais e celebrada o pasado novembro no Museo Centro Gaiás coa presenza do coñecido youtuber Jaime Altozano. Ademais de esgotar as prazas para a asistencia presencial, o evento supera xa as 9.000 reproducións en liña.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre