Inicio Galicia A Xunta promove a creatividade e a innovación na xuventude a través...

A Xunta promove a creatividade e a innovación na xuventude a través do proxecto Mocidade en movemento

0

A Administración autonómica achega 6000 euros ao concello coruñés para a realización desta proposta que inclúe un obradoiro de rap en galego

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta tarde coas mozas e mozos de Lousame que participan no obradoiro de rap en galego organizado polo concello do municipio coruñés. Esta actividade forma parte do proxecto Mocidade en movemento apoiada pola Xunta de Galicia a través da liña de subvencións destinadas ás entidades locais para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á xuventude durante este ano.

En concreto, a Administración autonómica achega 6000 euros a esta proposta da que destacou que contribúe a dinamizar o emprego do idioma galego, mellora a expresión oral e ademais promociona o talento e creatividade das rapazas e rapaces. Tamén sinalou que este tipo de actuacións ofrecen á xente nova unha alternativa de ocio saudable e axudan a reforzar vínculos de amizade.

Mocidade en movemento é unha das 82 iniciativas locais que financia en toda Galicia a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e nas que inviste 500.000 euros. A través desta orde apóianse propostas nas que, como esta de Lousame, a xuventude participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das que sexa a principal protagonista.

Así, entre outros proxectos, subvenciónanse aqueles que permiten á xente nova poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e a empregabilidade, os relacionados con hábitos de vida saudables, aqueles que preveñan condutas de risco ou violentas e os que fomenten actitudes creativas e innovadoras.

Tamén se apoian iniciativas que teñan por obxecto a inclusión social e laboral e a accesibilidade de mozas e mozos pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables. Ademais, por medio desta liña de axudas propíciase a creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías e o desenvolvemento de propostas centradas na participación e empoderamento das mulleres novas, na conservación do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural, as relacionadas co impulso do medio rural e as que teñan por finalidade a dinamización de lingua galega entre a mocidade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre