Inicio Galicia A Xunta promove a conservación e posta en valor dos oficios tradicionais...

A Xunta promove a conservación e posta en valor dos oficios tradicionais coa organización do VI Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia

0

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, inaugura hoxe o VI Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia (Ourense), organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria


A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, inaugura hoxe o VI Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia (Ourense), organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello de Xunqueira de Espadanedo. O obxectivo desta mostra é achegar á sociedade e poñer en valor o oficio da olería tradicional galega.

Este encontro, que terá lugar ata o domingo día 18 no Museo-Obradoiro de Olería do concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo, celébrase por sexto ano consecutivo como impulso a un dos oficios artesanais que forma parte do patrimonio cultural galego. O evento, que se desenvolverá en horario de 11:00 a 21:00 horas, acolle demostracións e venda de pezas de artesáns representantes do oficio da olería en Galicia, dous oleiros de Tondela (Portugal), exhibicións de ceramistas galegos, a posta en práctica do oficio da tellería, practicamente extinguido, e a presenza de representantes doutros oficios como a cestería e a tornería de madeira.

Os participantes neste VI Encontro de Cacharreiros son Agustín Vázquez e Enrique Cabana representando ao centro oleiro de Niñodaguia (Ourense); Xana Monteiro e Carlos Lima como representantes da olería portuguesa (Tondela, Portugal); os ceramistas Antón Román (Gondomar, Pontevedra), Susana González (A Coruña), José Juan Unzueta (Brión), Carlos San Claudio (Vigo) e Roberto Piñeiro (Vigo), o telleiro José Álvarez "O Buraco" (O Rosal, Pontevedra), o cesteiro Rubén Berto (Vigo, Pontevedra) e o torneiro Adrián Pena (Vigo, Pontevedra).

A posta en marcha desta iniciativa forma parte da estratexia integral de impulso ao sector artesanal que desenvolve a Xunta de Galicia, co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, coa inclusión de iniciativas en diferentes ámbitos para a posta en valor do sector e dos diferentes oficios artesanais de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre