Inicio Galicia A Xunta promove a concienciación da sociedade na loita contra os residuos...

A Xunta promove a concienciación da sociedade na loita contra os residuos plásticos no mar mediante a campaña ?Bye, bye plástico'

0

Esta acción pretende dar visibilidade ao problema que supón o consumo deste material e concienciar sobre a importancia de actuar de xeito responsable tanto ao desbotalo como ao xestionalo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, presentaron hoxe a campaña Bye, bye plástico, coa que o Executivo galego pretende dar visibilidade ao problema medioambiental que supón o consumo excesivo de plásticos e a súa chegada ao mar así como concienciar á cidadanía co obxectivo de crear unha comunidade activa e implicada na loita contra estes residuos e na defensa dun futuro ambiental sustentable.

A iniciativa márcase estas metas coa finalidade de contribuír a frear datos preocupantes como que nos últimos dez anos se produciu en todo o mundo máis plástico que en toda a historia da humanidade ou que nove millóns de toneladas de residuos plásticos -dos que un 80% proceden de terra- acaban cada ano nos océanos do planeta. Uns residuos que poden tardar varios séculos en degradarse e desaparecer e que xa provocaron a formación de cinco illas xigantes de plástico nos nosos océanos, unha delas 50 veces máis grande que Galicia.

Baixo o lema Bye, bye plástico. Non é por ti, é por nós e protagonizada por nenos -porque eles son o futuro para conseguir que Galicia siga sendo verde e azul- a campaña busca viralizar a mensaxe nas redes sociais -a través de Facebook, Twitter e Instagram- e fomentar a participación da poboación mediante un discurso positivo e consellos prácticos arredor da importancia de reducir, reutilizar e reciclar os plásticos ao tempo que se desbotan os residuos de xeito responsable.

Durante a presentación da campaña, a conselleira de Medio Ambiente en funcións, Ángeles Vázquez, aproveitou para recordar a necesidade de depositar no contedor verde xenérico as máscaras e as luvas, que por mor da covid-19 son indispensables no día a día. “Un residuo que empeza a constituír un novo problema para o benestar do planeta e que xa comeza a estar presente nos mares, unha situación que se debe frear”, recalcou.

Nova Lei de residuosAo fío disto, a conselleira de Medio Ambiente en funcións tamén lembrou que a nova Lei de residuos aprobada en decembro de 2019 no Consello da Xunta, que non chegou a tramitarse no Parlamento por mor da convocatoria electoral e da crise sanitaria polo coronavirus, volverá a retomarse co fin de contar cun texto normativo que xustamente pon o foco na xestión dos plásticos e co que situar a Galicia á cabeza das rexións europeas en adaptar e integrar a normativa ao contido da directiva comunitaria referente a estes residuos.“Será -avanzou- un dos primeiros textos normativos que se aprobe nos plenos do Parlamento galego”, e salientou que esta non é a única ferramenta coa que conta a sociedade galega, senón que ten ademais a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, cun apartado específico para a erradicación do consumo de plástico; e a Estratexia de Economía Circular 2020-2030, deseñada para superar o caduco modelo lineal de producir, usar e tirar.

A conselleira de Mar en funcións, pola súa banda, apelou ao compromiso de todas e todos, tanto dos máis novos como dos maiores, en favor dun comportamento cívico que permita preservar o medio ambiente e os recursos naturais, fundamentais para o benestar da sociedade. Nesa liña, lembrou que o mar é unha fonte de riqueza para Galicia e incidiu en que a protección dos seus recursos, evitando que o lixo chegue ao mar, é fundamental para a subsistencia de milleiros de familias das vilas costeiras galegas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre