Inicio Galicia A Xunta promociona o queixo curado da Denominación de Orixe Protexida San...

A Xunta promociona o queixo curado da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa entre 120 prescritores nacionais

0

O Goberno galego quere dar a coñecer este produto de gran calidade resultado dun coidadoso e laborioso proceso de elaboración, que dura ata 50 semanas


A Xunta promociona o queixo curado da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa entre 120 prescritores nacionais e posibles compradores deste tipo de produto. Trátase dun número limitado de pezas exclusivas, que só se poden adquirir baixo petición previa debido ao seu tempo de maduración.

Desta forma, a Xunta quere dar a coñecer este produto de gran calidade resultado dun coidadoso e laborioso proceso de maduración, que dura ata 50 semanas. Trátase dun queixo de aroma penetrante e sabor moi intenso obtido grazas á receita artesanal empregada e ao uso das mellores materias primas, que potencian ao máximo ao seu sabor inconfundible. A diferenza coas pezas tradicionais está precisamente nese tempo de maduración, que non supera os 45 días para as pezas grandes e 30 para o formato pequeno.

Con esta actuación, o Goberno galego reforza o seu apoio aos produtos con calidade diferenciada da nosa Comunidade para dalos a coñecer a nivel nacional e internacional. Neste senso cabe sinalar que, coa posta en valor destes alimentos, a través de diferentes selos de calidade, os produtos galegos alcanzaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade.

Así, Galicia é a terceira comunidade autónoma española con máis produtos de calidade certificados, con ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Por iso, a gastronomía galega constitúe un dos principais atractivos da oferta turística da nosa Comunidade.

A DOP San Simón da Costa ampara o queixo elaborado con leite procedente de gando vacún das razas rubia galega, pardo-alpina, frisona e dos seus cruzamentos entre si. O leite empregado é enteiro e cunha composición equilibrada de graxa e proteínas, conforme ás características e estación do ano.

A zona de produción, tanto do leite como do queixo, atópase ao norte da provincia de Lugo e está constituída pola comarca da Terra Chá, que engloba os concellos de: Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre