Inicio Galicia A Xunta programa un ciclo de xornadas informativas para asesorar aos propietarios...

A Xunta programa un ciclo de xornadas informativas para asesorar aos propietarios de vivendas de uso turístico no uso das novas ferramentas á súa disposición

0

Técnicos da Consellería de Cultura e Turismo atenderán dúbidas e explicarán a plataforma tecnolóxica que xa está en marcha para remitir trimestralmente os seus datos de ocupación, como así se establece desde comezos deste ano


A Xunta de Galicia organiza desde este venres e durante o mes de marzo diferentes xornadas informativas dirixidas a propietarios de vivendas de uso turístico para asesoralos sobre as novidades normativas que afectan desde este ano a esta tipoloxía de aloxamento.

Despois de ter remitido información vía electrónica a todos os propietarios, nestas xornadas prevese reforzar a comunicación e asesorar con casos prácticos e resolución de dúbidas sobre medidas que lles afectan directamente, como a obrigatoriedade de incorporar o seu número de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) nas plataformas nas que se oferten ou sobre o uso da ferramenta tecnolóxica posta en marcha pola Xunta para que poidan remitir trimestralmente os seus datos de ocupación.

O programa inclúe sete reunións informativas nas áreas de influencia das cinco delegacións territoriais e serán de asistencia gratuíta previa inscrición. A primeira será este venres 28 de febreiro ás 11,00 horas, no salón de actos da delegación territorial da Xunta en Ourense. O martes 3 de marzo están programadas dúas sesións, a primeira na Coruña, ás 12,00 horas na Sala 1 (pranta baixa) da Delegación da Xunta. En Lugo será ás 18,00 horas no salón de actos da Delegación territorial da Xunta.

O 5 de marzo ás 11,00 horas celebrarase outra sesión no Centro Superior de Hostelería de Galicia e tamén ese día ás 17,00 horas en Ribadeo, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias. O salón de actos da Delegación territorial da Xunta en Vigo será a sede da reunión do martes 10 de marzo ás 12,00 horas. Por último, o 12 de marzo está programada unha sesión informativa na sala de conferencias da Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, tamén ás 12,00 horas.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente nos enderezos correspondentes ás delegacións territoriais. Para as sesións da provincia da Coruña deberán solicitar praza en turismo.areacoruna@xunta.gal; para as da provincia de Lugo en area.turismo.lugo@xunta.gal; para as de Ourense en turismo.ourense@xunta.gal e para as da provincia de Pontevedra en axencia.turismo.pontevedra@xunta.gal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre