Inicio Galicia A Xunta programa máis dunha vintena de actividades para conmemorar o Día...

A Xunta programa máis dunha vintena de actividades para conmemorar o Día da Biblioteca

0

Celebrarán esta data as bibliotecas de Santiago de Compostela, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Vigo con visitas guiadas, contacontos, obradoiros e mostras


A Xunta de Galicia programa esta semana máis dunha vintena de actividades entre as que destacan obradoiros, visitas guiadas, contacontos e exposicións en Santiago de Compostela, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Vigo co obxectivo de celebrar o Día da Biblioteca, unha data que, como cada ano, terá lugar o 24 de outubro.

No caso da Biblioteca de Galicia cómpre salientar a mostra Querida Biblioteca, na que se difundirá o valor estético e documental das tarxetas postais, un material do que se custodian neste centro da Cidade da Cultura máis de 3.000 exemplares, moitos deles impresos antes do ano 1958, data de entrada en vigor da normativa de depósito legal. Trátase dunha exposición que se inaugurará o xoves e que contará con catro seccións, unha por cada provincia galega. Ademais desta exposición, a Biblioteca de Galicia completará a programación para a conmemoración desta data cunha visita guiada polas instalacións que terá lugar o xoves, ás 12,00 horas, e co agasallo de libros en galego para todos os tramos de idade.

Na Biblioteca Pública Ánxel Casal da capital galega, celebrarase no salón de actos un obradoiro de iniciación á maxia, que culminará cunha gala final na que a rapazada poderá demostrar todo o aprendido. Esta gala terá lugar o sábado 26, ás 12,00 horas, e o acceso ao publico é gratuíto ata completar a capacidade da sala. Ademais, o xoves, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca, está prevista unha visita guiada (12,00 horas), a entrega de lotes de libros aos usuarios adultos e infantís que levaron o maior número de títulos en préstamo ao longo de todo o ano e o espectáculo familiar Fantasía musical (18,30 horas), no que se creará unha peza musical para cada letra do abecedario.

Os actos deseñados para esta conmemoración tamén terán lugar na Biblioteca Pública Miguel González Garcés onde o xoves, entre as 12,00 e as 17,00 horas, se celebrará unha xornada de portas abertas e, ás 18,30 horas, haberá un obradoiro de escritura creativa a cargo de Chus Molina. Ademais, todos os usuarios que durante o xoves leven en préstamo algún documento ou se fagan un carné recibirán un premio. A programación continuará o sábado, ás 12,00 horas, co contacontos O ratiño presumido.

No caso de Vigo, o Día da Biblioteca celebrarase no centro Juan Compañel onde o xoves haberá dúas visitas guiadas (12,30 e 18,00 horas) e o contacontos Ohhhhh! Os contos de Candelaria, a bibliotecaria, que terá lugar ás 18,00 horas. Para completar a axenda de actos, a biblioteca acollerá o sábado un obradoiro de inglés baseado na celebración do Halloween (12,00 h.) e as mostras bibliográficas Bibliotecas: núcleos de transformación e Pregoeiras e pregoeiros do Día da Biblioteca.

En Ourense, pola súa banda, a programación conta cun concurso literario e fotográfico, un contacontos para bebés e o sorteo dunha invitación dobre para asistir á inauguración das novas instalacións entre aqueles usuarios que fagan algún préstamo durante a xornada do xoves. Ademais, todos os usuarios que recollan un libro durante ese día recibirán un agasallo.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra conmemorará este día cunha sesión de contos e co VI Certame de relato curto. A sesión de contos correrá a cargo de Bea Campos e terá lugar o venres (18,00 horas). En relación ao concurso literario cómpre destacar que este ano o tema dos relatos é a igualdade de xénero e os tres premiados serán expostos no segundo andar da biblioteca.

En Lugo, a biblioteca acollerá a representación teatral infantil Zapatos na que se narran todas as historias que levan dentro os zapatos e que xa non teñen dono. Haberá dous pases o venres 25, un ás 18,00 horas e outro unha hora despois. Esta obra teatral está dirixida a bebés de 0 a 4 anos e para asistir é preciso inscribirse previamente na sala infantil da biblioteca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre