Inicio Galicia A Xunta prevé incorporar ao parque público residencial de Vigo 62 novas...

A Xunta prevé incorporar ao parque público residencial de Vigo 62 novas vivendas no último trimestre deste ano

0

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, fixo esta mañá un percorrido polas obras da rúa Ignacio Grobas, onde se están a construír 36 VPP

A finais deste ano a cidade de Vigo incorporará ao seu parque residencial un total de 62 novas vivendas de promoción pública (VPP). Así o indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás obras que se están a acometer na rúa Ignacio Grobas para construír 36 VPP e que xa están executadas nun 50%.

Esta é, precisamente, unha das dúas promocións residenciais que ten en marcha nestes momentos o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) na cidade olívica. A outra, localizada na rúa Canicouva e na que están proxectadas 26 vivendas máis, tamén se atopa bastante avanzada, polo que a conselleira indicou que a previsión é que ambas estean rematadas no último trimestre deste ano.

O Goberno galego investirá preto de 8,4 millóns de euros nestas dúas actuacións. Das 62 vivendas resultantes, 50 serán de tres dormitorios, cinco delas terán catro e as sete restantes, dous. Todas elas disporán do seu garaxe e rocho. Así mesmo, cinco destas novas VPP estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Unha vez se completen os traballos, Vázquez Mejuto explicou que poderán adxudicarse en réxime de alugueiro ou compravenda entre as persoas que figuren inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida.

A urbe galega con máis demandaÁngeles Vázquez subliñou a importancia que terán estas dúas promocións para incrementar o parque residencial público de Vigo, que é, segundo recordou, a cidade galega que concentra a maior demanda de vivenda de toda Galicia. En todo caso, lembrou que a Xunta ten en marcha outras actuacións importantes na cidade desde o punto de vista residencial, coas que se busca ofrecer unha resposta que estea á altura das súas necesidades actuais.

Así, referiuse aos 27 millóns de euros investidos no Casco Vello de Vigo, grazas aos cales xa se rehabilitaron máis de medio cento de edificios nesta zona, e ás catro Áreas de Rehabilitación Integral declaradas na cidade, nas que nestes momentos aínda hai cinco millóns de euros dispoñibles para investir en axudas destinadas á recuperación de edificios con usos residenciais.

A promoción de vivenda pública máis importante proxectada en Vigo, en todo caso, será a de San Paio de Navia. Ao respecto, a conselleira indicou que o seguinte paso será a adxudicación do proxecto de urbanización do solo residencial, cun orzamento de seis millóns de euros reservado para este ano e que executará o seu departamento co obxectivo de posibilitar a construción de aproximadamente 1.600 vivendas protexidas para que as familias, os mozos e os colectivos que máis o necesitan teñan novas oportunidades para acceder a unha VPP nesta cidade.

O plan parcial no que se prevé este desenvolvemento continúa pendente de aprobación definitiva polo Concello de Vigo a pesar de que esta promoción daría dará resposta a un dos principais problemas que ten na actualidade a cidade olívica, xa que concentra a maior demanda de vivenda protexida de toda a Comunidade e o maior número de casos de desafiuzamento.

No ano 2016 cómpre lembrar que a Xunta de Galicia investiu 10 millóns de euros para a adquisición de preto de 50.000 metros cadrados de solo en San Paio de Navia, que se suman aos 80.000 xa adquiridos con anterioridade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre