Inicio Galicia A Xunta prevé entregar case 12.000 títulos de propiedade deica o primeiro...

A Xunta prevé entregar case 12.000 títulos de propiedade deica o primeiro trimestre de 2021 tras concluír 13 novos procesos de reestruturación parcelaria

0
image_gallery.jpg

A directora xeral de Desenvolvemento Rural sinalou que -malia as dificultades por mor do coronavirus- no verán se puideron entregar 4.155 títulos de propiedade, xa están listos para distribuír outros 6.140 e no primeiro trimestre do ano vindeiro agárdase repartir 5.680 máis


A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, adiantou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento que a Xunta prevé entregar case 12.000 títulos de propiedade deica o primeiro trimestre de 2021, tras concluír 13 novos procesos de reestruturación parcelaria. Así mesmo, salientou que o proxecto de orzamentos para o ano vindeiro contempla máis de 12 millóns de euros para seguir abordando estas iniciativas, case o dobre do presupostado este 2020.

Na súa intervención, a directora xeral quixo poñer de relevo os fitos acadados neste ámbito durante o 2020, malia as dificultades xurdidas por mor da covid-19. Así, sinalou que no verán se puideron entregar, tras a primeira vaga da pandemia, 4.155 títulos de propiedade a máis de 1.300 veciños no marco de catro zonas reestruturadas nas provincias de Ourense e Lugo.

A maiores, están listos para a súa entrega un total de 6.140 títulos a máis de 2.700 propietarios, ao abeiro de oito zonas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense. Xa de cara ao 2021, segundo Inés Santé, está previsto entregar no primeiro trimestre outros 5.680 títulos de propiedade a case 3.000 veciños, en cinco zonas da provincia coruñesa.

Canto ás novas zonas que se decretarán o ano que vén, a directora xeral apuntou que por cada zona que se entregue, se decretará unha nova. Así, das 27 iniciativas de reestruturación para as que se iniciou o procedemento de consultas públicas de avaliación do cumprimento dos obxectivos xerais da Metaga a través da web da Consellería do Medio Rural, está previsto decretar nos próximos meses novas zonas nas provinciais de Lugo e Coruña, que xa teñen cumprimentados e finalizados todos os trámites de avaliación ambiental e o estudo previo de iniciación. Correspóndense, sinalou, con comarcas de elevada actividade gandeira onde se localizan explotacións demandantes de melloras na súa estrutura territorial.

Por último, ao ser preguntada pola concentración parcelaria de Laíño, no concello coruñés de Dodro, a directora xeral aseverou que a Xunta continúa a traballar neste proceso mentres se resolven todos os aspectos legais con respecto á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal pertinente.

Plan de Pastoreo de GaliciaPola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias puxo en valor as iniciativas postas en marcha pola Xunta para impulsar os pastos na nosa comunidade, nomeadamente o Plan de Pastoreo de Galicia e as axudas agroambientais para a extensificación do gando vacún e ao mantemento dos pasteiros. Nesa dirección, destacou os seus beneficios para evitar o abandono de terras, aumentar a biodiversidade, anticiparse aos incendios ou incrementar a rendibilidade das explotacións grazas ao valor engadido dos produtos derivados deste xeito de produción.

En concreto, José Balseiros destacou que en febreiro de 2021 se prevé rematar a primeira fase do Plan de Pastoreo -que está a supor actuacións en 14 concellos das catro provincias e que ten avanzados un 78% dos traballos- para seguidamente comezar a segunda fase noutros 25 municipios. En total, acadaranse, segundo dixo, as 1.296 hectáreas de pasteiros, cun investimento total de 6,25 millóns de euros.

Nese senso, o director xeral quixo poñer de relevo que son as propias comunidades de montes veciñais as que solicitan a execución dos pastos, para poñelos a disposición dos gandeiros. Tamén destacou que as obras non só contemplan o acondicionamento da zona escollida para que produza herba de calidade, senón tamén a mellora de accesos aos terreos e a instalación de peches perimetrais, pasos canadenses, abastecementos de auga e enerxía ou acubillos para o gando.

Canto ás axudas agroambientais para a xestión sustentable de pastos e a extensificación do gando vacún de leite, José Balseiros destacou que se aboaron máis de 60 millóns por este concepto entre os anos 2015 e 2019. Deica o 2022, a previsión é roldar os 12 millóns anuais.

Para concluír, o director xeral citou a recentemente presentada Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego -elaborada en consenso con todo o sector-, a regulación do leite de pastoreo e a inminente Estratexia da carne para seguir avanzando na liña da sostibilidade e o valor engadido.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre