Inicio Galicia A Xunta presentará o 13 de decembro no Cumio Mundial do Clima...

A Xunta presentará o 13 de decembro no Cumio Mundial do Clima a súa estratexia para combater o cambio climático en clave galega

0

Baixo o título ‘Galicia resiliente: comunidade e clima’, o evento organizado polo Goberno autonómico terá como eixo central a intervención da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que exporá os principais obxectivos e liñas de actuación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050

A Xunta terá un espazo propio no Cumio Mundial do Clima COP25 que se celebra en Madrid para dar a coñecer o traballo que se vén realizando na comunidade nos últimos anos en materia de cambio climático. Baixo o título Galicia resiliente: comunidade e clima, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, será a encargada de conducir o evento, que se celebrará o vindeiro 13 de decembro na Zona Verde do Ifema e terá como eixo central a presentación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE) 2050, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 3 de outubro.

O protagonismo que terá a Xunta durante a xornada de clausura da XXV edición do Cumio Mundial do Clima, o evento internacional máis importante arredor deste fenómeno e que reúne desde o pasado luns a máis de 50 xefes de Estado e de Goberno en Madrid, é un reflexo do esforzo e a implicación demostrados nos últimos anos polo Goberno autonómico ante o problema do quecemento global, ante a constatación de que en Galicia tamén se están a notar os seus efectos.

Cómpre lembrar que a Xunta asumiu a loita contra o cambio climático e a necesidade de afrontar a medio prazo unha transición enerxética progresiva, xusta e sustentable como unha das máximas prioridades de acción do seu goberno.

De feito, Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en poñerse a traballar nesta liña, creando unha dirección xeral específica para canalizar todas as políticas relacionadas con este fenómeno. E desde hai dous meses, tamén é unha das poucas autonomías –concretamente, a cuarta- que xa ten aprobada a súa propia folla de ruta, ambiciosa e multidisciplinar, para facer fronte nas próximas décadas a un fenómeno globalizado pero que require unha resposta en clave rexional.

A finalidade da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, documento que presentará en nome da Xunta a conselleira de Medio Ambiente, é avanzar cara a neutralidade climática no ano 2050 -é dicir, compensar as emisións que non poden ser eliminadas, coas absorcións da propia contorna natural-, facendo fincapé na capacidade do sector forestal galego para acadalo e na resiliencia do medio rural fronte ao cambio climático. De feito, Galicia é a cuarta comunidade que máis reduciu as súas emisións de gases de efecto invernadoiro desde o ano 1990.

Para lograr estes obxectivos, a Xunta aprobou tamén en outubro o primeiro plan rexional integrado para o desenvolvemento da EGCCE durante o período 2019-2023, con 170 medidas que implican a todos os departamentos autonómicos e terán un investimento estimado en máis de 1.250 millóns de euros.

Con estes instrumentos na man e a aprobación da Estratexia Galega de Economía Circular (EGEC) 2020-2030 –prevista para este mesmo ano-, a Xunta aspira a converter a Galicia en parte da solución ao problema do quecemento global, ata acadar unha transición enerxética progresiva e xusta, e nun referente no proceso de cambio do actual modelo de consumo e de uso dos recursos naturais.

Participación do Sergas e o XeraDebido ao carácter transversal da EGCCE 2050, no evento organizado pola Xunta no marco da COP25 tamén se contará coa participación das Consellerías de Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, que aportarán a súa visión sobre o fenómeno do quecemento global e a transición enerxética desde as súas respectivas áreas competenciais.

Así, despois da conselleira Ángeles Vázquez, intervirá o Xerente do Servicio Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, que baixo o título A traxectoria do Sergas como impulsor e referente para alcanzar a sustentabilidade e a resiliencia, unha proposta para repensar falará sobre a transformación que experimentou o sistema de saúde público de Galicia desde a aprobación da primeira Estratexia Sergas 2014, á que se lle deu continuidade coa Estratexia 2020, e que definen os obxectivos estratéxicos e as liñas de actuación a seguir para consolidar un modelo sanitario innovador, sostible e centrado nos cidadáns.

Do mesmo xeito, o xerente do Sergas afondará tamén nos traballos previos e de diagnose que se están a facer para dotar ao sistema de saúde galego -que xa é unha administración referente desde o punto de vista da compra pública innovadora- da súa propia Estratexia de Economía Circular, unha folla de ruta na liña do documento marco que aprobará a Xunta nas próximas semanas pero adaptada ás necesidades específicas do eido sanitario.

Por último, pechará o acto o director da Axencia Galega da Industria Forestal, José Ignacio Lema Piñeiro, cunha presentación titulada A contribución do sector á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible e as metas fixadas no Acordo de París, na que afondará na importancia clave que ten o sector forestal na transición cara a economía circular, a mitigación do cambio climático e a fixación de poboación no rural, favorecendo a prosperidade ao proporcionar produtos e servizos renovables.

O termo sustentabilidade acuñouse na industria forestal e, consciente de elo, a Xunta traballa nun esforzo compartido coa cadea de valor. A industria forestal é a panca de cambio que axudará a resolver as demandas actuais da sociedade mellorando as vivendas; proporcionando mellor alimentación e embalaxes alimentarias sustentables; revolucionando a industria téxtil ao proporcionar tecidos baseados en madeira; achegando novos produtos sanitarios que democratizan o acceso á hixiene; ou ofrecendo novas solucións enerxéticas e materiais que evitan o consumo de derivados fósiles.

Presenza galega nos foros de reservas da biosferaA xornada do día 13 acollerá o evento central da Xunta na COP25 aínda que a Consellería de Medio Ambiente tamén estará presente e mesmo terá unha participación activa noutras xornadas. Así, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asistirá ao cumio o luns 9 de decembro para participar no evento Cambiar as mentalidades, non o clima. Sitios designados pola UNESCO, educación e xuventude para unha maior ambición.

Partindo de que estes espazos proporcionan plataformas útiles para aplicar e probar o monitoreo do clima, a mitigación e a adaptación e poden servir como sitios de aprendizaxe sobre boas prácticas na educación sobre cambio climático en todos os eidos, durante o evento lanzarase a Rede de Acción Climática Xuvenil da UNESCO YoU-CAN.

Na xornada do día 11, as reservas da biosfera e os mozos volverán ser protagonistas. Co título A xuventude de Reservas da Biosfera: unha oportunidade para a loita contra o cambio climático, este evento centrarase na consolidación da Rede Xuvenil MAB, e principalmente na Rede Xuvenil MAB Española, así como na posibilidade de crear actividades que apoien a loita contra o cambio climático, o emprendemento xuvenil para evitar o despoboamento e a protección da biodiversidade para a loita contra o quecemento global.

Este mesmo día, presentaranse os resultados do I Foro de Mozos da Rede Española de Reservas de Biosfera nun acto que contará coa intervención, entre outros, da directora xeral de Patrimonio Natural, xa que cómpre lembrar que a Xunta tivo un papel fundamental no mesmo ao asumir a súa organización o pasado outubro en Bergondo. Como complemento, inaugurarase a exposición A nosa biosfera, o noso futuro. Accións locais para os obxectivos de desenvolvemento sustentable, estando prevista unha visita guiada a cargo de Miguel M. Clusener- Godt, secretario do Programa do Home e a Biosfera da Unesco.

Cómpre lembrar que Galicia conta con seis reservas da biosfera e aspira a incorporar no 2021 unha sétima: a da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel. Precisamente esta semana a candidatura desta zona deu un paso decisivo, ao superar o último trámite para que a Xunta poida remitir e formalizar a solicitude ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco. Se prospera esta declaración, o 34% do territorio galego pasaría a estar baixo esta figura de recoñecemento internacional, de aí a importancia que teñen para Galicia todos os aspectos relacionados coas reservas da biosfera, a súa posta en valor e o traballo que se fai nelas en materia de adaptación.

Por último, do Campo tamén participará o 10 de decembro en representación da Xunta nun encontro de traballo do Comité español da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), organismo do que forma parte. O obxectivo é coñecer de primeira man o papel que xoga a UICN dentro da COP e intercambiar información de interese.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre