Inicio Galicia A Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar...

A Xunta presenta en Santiago o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nos cascos históricos

0

O vindeiro 22 de xullo o Museo das Peregrinacións acollerá unha xornada na que se abordarán as dificultades para despregar as redes ultrarrápidas nestas zonas


O vindeiro luns 22 de xullo, a partir das 10,30 horas, o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá a xornada A conectividade nos cascos históricos, na que se presentará o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión de fibra nestas zonas.

O documento, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o operador público Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio é o punto de partida para darlle resposta á falta dun procedemento estandarizado para o despregamento de fibra óptica en cascos históricos.

Para a elaboración desta Guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar, integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica, elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece a guía están o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregamento da fibra óptica a través das redes de saneamento.

A visión dos axentes implicadosAdemais da presentación do catálogo, na xornada afondarase na dificultades e posibles solucións para o despregamento das infraestruturas de telecomunicación nos cascos históricos contando coa visión de todos os axentes implicados.

Baixo o título “O estado actual dos servizos de telecomunicacións” nos cascos históricos”, desenvolveranse dúas mesas de debate, a primeira ofrecerá a “Visión de Patrimonio e posibles solucións coa intervención de representantes da organización non gobernamental, asociada a Unesco, ICOMOS, do Consorcio de Santiago, do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio.

A segunda mesa centrarse na “Visión dos operadores e do estado actual” coa participación do director-xerente do operador público Retegal e representantes de Movistar, Vodafone, Orange e R. Finalmente, pecharse o encontro expoñendo as principais conclusións da Xornada.

A xornada está dirixida aos profesionais, tanto do ámbito dos despregamentos, como operadores, fabricantes de equipos, instaladores, como a empresarios e profesionais das concellos das áreas de Urbanismo e Patrimonio. Os interesados en participar deben inscribirse antes do 20 de xullo a través da conta de correo electrónico cascoshistoricos@retegal.gal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre