Inicio Galicia A Xunta presenta en Lugo os novos servizos de innovación para pemes...

A Xunta presenta en Lugo os novos servizos de innovación para pemes incluídos no Programa Reacciona

0

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nun webinario para informar a microempresas e pemes, que poden solicitar asesoramento especializado no ámbito da innovación, ademais de noutros eidos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización ou a dixitalización

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nun seminario semipresencial na sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre o programa ReAcciona da Xunta. Argerey explicou que os novos servizos de innovación que se incorporaron este ano á iniciativa veñen sumarse aos instrumentos de apoio á innovación que xa ten dispoñibles a Axencia, que cubre todas as etapas do proceso da I+D+i e todo tipo de empresas.

A directora de Gain insistiu en desterrar o tópico de que a innovación está reservada ás grandes empresas e recalcou a necesidade de aumentar a base de empresas innovadoras galegas co obxectivo de mellorar a súa competitividade e, por tanto, a da economía da Comunidade.

En concreto, o programa ReAcciona ofrece tres tipos diferentes de servizos de acompañamento e asesoramento especializado vencellados coa innovación: deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores, que consiste na aplicación de metodoloxías de deseño estratéxico a pemes co obxectivo de deseñar ou redeseñar produtos procesos ou servizos de maneira eficiente e poñendo ao usuario no centro; protección da innovación, que inclúe o impulso á protección das innovacións técnicas e tamén das creacións de forma; e asesoramento para o financiamento da innovación, dirixido a establecer unha estratexia para a obtención de financiamento para as actividades de I+D+i.

En total, a través das catro convocatorias deste programa previstas para 2020 está previsto conceder 168 servizos de innovación. Actualmente, atópase aberto o prazo de presentación de solicitudes á terceira convocatoria, que pecha o vindeiro 5 de novembro, e lanzarase unha cuarta convocatoria do 9 de novembro ao 28 de decembro. Estes servizos súmanse aos servizos de acompañamento noutros ámbitos que ofrece o programa ReAcciona como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización.

Estes servizos de capacitación en innovación dirixidos a pemes e microempresas enmárcanse nas liñas de apoio á innovación empresarial da Axencia Galega de Innovación especialmente dirixidas a pequenas e medianas empresas como a rede de aceleradoras; o programa InnovaPeme, destinado a poñer en marcha plans de innovación que lles permitan sistematizar a innovación, a través do que se levan apoiado un total de 124 plans de innovación; ou os programas Principia e Talento Sénior, destinados a apoiar a contratación de técnicos para a realización de actividades de I+D+i, a través dos que se teñen apoiado a contratación de 553 profesionais de ata 35 anos e 36 técnicos de alta cualificación, respectivamente.

Programa ReAccionaEste programa conta nesta edición cun orzamento de 4,2 millóns de euros e está cofinanciado polo programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Forma parte do Igape Responde, iniciativa posta en marcha pola Xunta para achegar as respostas que precisa o tecido empresarial no novo contexto da covid-19, e que reforza e reorganiza os servizos de asesoramento a autónomos e pequenas e medianas empresas sobre as liñas de axudas activadas ante a nova situación económica.

Esta xanela única de información e apoio ofrece soporte personalizado en aspectos como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos e promoción en liña, busca de financiamento e reconfiguración da oferta comercial, reforzando así os servizos de soporte aos colectivos empresariais que máis o precisan.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre