Inicio Galicia A Xunta presenta ás comunidades do Consejo Jacobeo propostas en materia de...

A Xunta presenta ás comunidades do Consejo Jacobeo propostas en materia de formación, ciencia, patrimonio e teatro

0

O conselleiro de Cultura e Turismo trasladou neste órgano as liñas mestras do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 antes da súa presentación mañá en sociedade

A Xunta trasladou hoxe, durante a xuntanza do Grupo de Traballo para o próximo Ano Santo creada dentro do Consejo Jacobeo, varias actuacións conxuntas en materia de formación, ciencia, patrimonio e teatro para a súa incorporación ao programa do Xacobeo 21. Ao encontro asistiron, ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira; representantes dalgunhas das comunidades polas que pasa o Camiño de Santiago como País Vasco, Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra ou Castela e León, xunto a representantes de distintos departamentos da Administración Xeral do Estado.

O responsable de Cultura e Turismo trasladoulle aos distintos membros deste órgano de cooperación a necesidade de facer do próximo Ano Santo un proxecto aberto á participación de todas as administracións e do conxunto da sociedade. De feito, sinalou que tanto a cooperación como a participación son algúns dos eixos principais do Plan Estratéxico do Xacobeo 21, un documento cuxas liñas mestras trasladou ante os membros do Consejo Jacobeo antes da súa presentación mañá en sociedade.

Un dos aspectos que destaca o texto é o menor coñecemento do significado do Ano Santo entre os máis novos. Neste sentido, Román Rodríguez puxo enriba da mesa a necesidade de poñer en marcha iniciativas conxuntas que garantan que os mozos de toda España “coñezan e aprecien” o Camiño de Santiago. Entre esas iniciativas, o titular de Cultura e Turismo propuxo a creación dunhas Olimpiadas escolares xacobeas ou a creación dun programa formativo para a difusión, a posta en valor do Camiño, os seus valores e o seu patrimonio material e inmaterial.

No eido científico, Román Rodríguez defendeu a realización de faladoiros e obradoiros divulgativos centrados en curiosidades científicas vinculadas ao territorio que poidan resultar de interese para veciños e peregrinos, así como actividades de divulgación e observación astronómica ligadas ao Camiño de Santiago.

Por último, o membro do Goberno galego propuxo a creación dun itinerario de intercambio cultural, no eido das artes escénicas, que tome a ruta histórica do Camiño do Norte. “Buscamos, en definitiva, enriquecer a programación do Xacobeo 21 a través das achegas das distintas administracións e de toda a sociedade co fin de facer unha celebración perdurable”, subliñou o conselleiro de Cultura e Turismo.

Plan Estretéxico do Xacobeo 21Román Rodríguez aproveitou a xuntanza do Grupo de Traballo para explicarlle aos representantes das distintas autonomías e do Goberno central algúns dos aspectos que central o Plan Estratéxico do Xacobeo 21, un documento que mañá será presentado en sociedade, e que inclúe un investimento de 247 millóns de euros durante os próximos anos. Segundo o titular de Cultura e Turismo, o obxectivo do Goberno galego é poñer en marcha un evento que teña continuidade máis alá do 2021, que sente as bases “da Galicia da próxima década”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre