Inicio Galicia A Xunta presenta ao sector da primeira transformación da madeira as vantaxes...

A Xunta presenta ao sector da primeira transformación da madeira as vantaxes da nova plataforma para a tramitación electrónica dos aproveitamentos

0

A ferramenta busca axilizar eses trámites, tendo en conta que cada ano se presentan en Galicia máis de 93.000 declaracións e solicitudes de autorización de aproveitamentos madeireiros


A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), mantiveron por videoconferencia unha reunión de traballo coas principais organizacións do sector da primeira transformación da madeira. O obxectivo era explicarlles as vantaxes da nova plataforma que veñen de desenvolver para a tramitación electrónica das declaracións e solicitudes de autorización de aproveitamentos madeireiros en Galicia, tendo en conta que cada ano se presentan máis de 93.000 solicitudes administrativas deste tipo na comunidade.

No encontro participaron técnicos da Federación de Rematantes e Madeiristas de Galicia (Fearmaga), da Asociación da 1ª Transformación da Madeira en Lugo e da Asociación Monte Industria Galicia. Así, explicóuselles o funcionamento desta plataforma electrónica que incorpora a regulación establecida no decreto que rexe os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada da comunidade, publicado o pasado 20 de maio no Diario Oficial de Galicia.

Asemade, na reunión comunicóuselles que a Consellería do Medio Rural remitiu unha comunicación formal á Dirección General de Biodiversidad, Bosques y Desertificación do Ministerio de Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para trasladarlle que, en aplicación da Lei de Montes de Galicia, se exencionará do sistema de dilixencia debida individual a aqueles rematantes e madeiristas con sede social na comunidade que comercialicen exclusivamente madeira aproveitada nos montes galegos. Todo isto tendo en conta -engadiron dende a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- que a administración forestal autonómica está en condicións de proporcionar os medios e controis estipulados pola normativa europea.

A maiores, os representantes da Consellería do Medio Rural e da Amtega trasladáronlle ao sector a súa condición de estratéxico para facilitar a reactivación da actividade da cadea monte-industria galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre