Inicio Galicia A Xunta presenta ao ocio nocturno un plan de reactivación con axudas...

A Xunta presenta ao ocio nocturno un plan de reactivación con axudas para o alugueiro, a celebración de concertos e o mantemento do emprego

0
image_gallery.jpg

No encontro participaron representantes das vicepresidencias primeira e segunda; así como das consellerías de Emprego e Igualdade, e Cultura, Educación e Universidade


A Xunta trasladou aos empresarios do ocio nocturno un plan de reactivación do sector que incluirá axudas para o alugueiro, a celebración de concertos e o mantemento do emprego nestes locais. As medidas van dirixidas aos negocios que se viron obrigados a pechar, e que seguen pechados a día de hoxe -agás as terrazas-, tras a decisión adoptada polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para o conxunto de España.

Así, o Plan irá destinado a discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores. Cómpre lembrar que se trata do único sector pechado por completo por causa da pandemia.

Este acordo acadouse no seo do grupo de traballo que de forma semanal avalía os datos sanitarios sobre a evolución epidemiolóxica da covid-19 e as condicións e fases para que a apertura dos locais de ocio nocturno se poida realizar con todas as garantías de seguridade. Neste encontro co sector participaron representantes das vicepresidencias primeira e segunda; así como das consellerías de Emprego e Igualdade, e Cultura, Educación e Universidade.

O Goberno galego trasladoulle aos empresarios do ocio nocturno os mecanismos de apoio que, a través do plan de reactivación do sector, pode poñer á súa disposición para contribuír a paliar os efectos económicos da pandemia. Desta forma, o plan incluirá axudas da Vicepresidencia primeira para o pago dos alugueiros destes locais, sempre que os locais se manteñan abertos desde o momento no que se levanten as restricións ou que, polo menos, sigan abertos por un tempo proporcional á contía da axuda.

Do mesmo xeito, os departamentos de Cultura e Turismo tamén apoiarán a celebración de concertos en canto sexa posible que poida haber público nas salas de concertos.

Ademais, a Consellería de Emprego e Igualdade destinará fondos a manter o emprego neste sector e a Vicepresidencia segunda, a través do Igape, aprobará unha liña específica de créditos, que terá un importe máximo de 500.000 euros.

A Xunta continúa así en diálogo constante cos representantes do sector para escoitar as súas demandas e coa máxima colaboración para traballar na súa reactivación cumprindo as restricións sanitarias establecidas para frear a epidemia de coronavirus e, por tanto, en coordinación co comité clínico.

Froito desta colaboración, a Administración autonómica xa dou resposta nunha destas reunións a un dos compromisos adquiridos nos últimos encontros en canto á apertura das terrazas destes locais antes de que poidan reabrir o seu espazo interior.

Cómpre destacar que o peche dos establecementos de ocio nocturno foi aprobado para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance do virus e primando a seguridade sanitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre