Inicio Galicia A Xunta presenta á veciñanza de Ourense o futuro centro integral público...

A Xunta presenta á veciñanza de Ourense o futuro centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade

0

A nova residencia, que custará uns 12 millóns de euros, será financiada, construída e equipada pola Fundación Amancio Ortega


As conselleira de Política Social, Fabiola García, e a de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentaron esta mañá á veciñanza de Ourense o futuro centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade que se emprazará na parcela da actual estación de autobuses. Fixérono nunha reunión no propio lugar cos veciños do barrio do Pino na que estiveron acompañadas da delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz.

Fabiola García explicou que a prioridade da Xunta de Galicia é impulsar e revitalizar o barrio do Pino, logo de que a estación de autobuses se traslade á Ponte coa nova intermodal. Desta maneira, sinalou que se quere aproveitar un espazo que queda baleiro coa posta en marcha dun servizo necesario para a cidade.

Esta nova infraestrutura, que financiará, construirá e equipara a Fundación Amancio Ortega, achegará máis servizos ás persoas de máis idade. Suporá un investimento duns 12 millóns de euros e permitirá poñer á disposición das familias de Ourense 120 prazas públicas.

Ademais, a súa posta en funcionamento traerá a creación de 110 postos de traballo no ámbito dos coidados, un sector en auxe e no que Galicia ten potencial para ser líder. A nova residencia, deseñada polo estudio coruñés Elsa Urquijo Arquitectos, contará cun equipamento de vangarda e con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.

Unha das mellores residencias de EuropaA conselleira de Política Social destacou que con esta proposta se dá un gran paso na atención ás persoas maiores ao dotar este barrio dunha das mellores residencias de toda Europa. Recordou que o Goberno galego ten no coidado ás persoas de máis idade un eixe fundamental. Por iso, na actualidade existe unha ampla rede de servizos tanto para aqueles que queren ser atendidos na súas casas, con programas como o de Teleasistencia, o Xantar na Casa ou o Servizo de Axuda no Fogar; como para os que precisan dunha maior atención, con máis prazas públicas de residencia, máis de 8000 hoxe en día, cerca dun 50% máis que hai unha década.

Nesta liña, Fabiola García agradeceu tanto ao anterior alcalde como ao actual equipo de Goberno local pola súa predisposición e flexibilidade á hora de acordar o emprazamento do novo centro integral. Desta maneira, detallou aos veciños as características da parcela: conta con 10.000 metros cadrados, está máis preto do centro urbano de Ourense que a inicialmente prevista e conta cunha situación privilexiada con grande facilidade de acceso e vistas sobre o río Miño.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo en valor a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta e as achegas recibidas de asociacións e veciños para darlle uso público e social a esta parcela da estación, destinándoa a albergar unha residencia da terceira idade.

Proxecto da demolición da estaciónDestacou que o Goberno galego está traballando para acadar a terminal de autobuses da Intermodal e o aparcamento de 300 prazas que A Ponte necesita, ao mesmo tempo que está redactando o proxecto de demolición da actual estación para poder construír a residencia canto antes.

Subliñou que entre a nova estación intermodal e esta nova residencia para a terceira idade suman 23 millóns de euros de investimento. Tamén sinalou que o proxecto hoxe presentado antes os veciños da Ponte e O Pino, supón maiores cotas de benestar nestes barrios, máis emprego e riqueza na cidade e unha aposta por un Ourense de futuro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre