Inicio Galicia A Xunta presenta a incubadora de descubrimento temperán de fármacos como exemplo...

A Xunta presenta a incubadora de descubrimento temperán de fármacos como exemplo de colaboración público-privada da I+D no sector da saúde e da biotecnoloxía

0
image_gallery.jpg

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, a directora científica da Fundación Kaertor, Mabel Loza, e o director de I+D de Janssen, Antonio Gómez, participaron nunha mesa redonda no Bio Investors Day 2020 organizado pola Asociación Española de Bioempresas (Asebio)


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nunha mesa redonda online sobre colaboración público-privada no ámbito da saúde e da biotecnoloxía celebrada no marco do Bio Investors Day 2020 da Asociación Española de Bioempresas (Asebio), o maior evento de investimento para a industria biotecnolóxica en España. Patricia Argerey xunto con Mabel Loza, directora científica da Fundación Kaertor, e Antonio Gómez, director de I+D de Janssen, presentaron o programa I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery) de descubrimento e desenvolvemento temperán de fármacos, a primeira incubadora de proxectos de investigación dedicados a descubrir novos fármacos en España.

Argerey presentou este programa como unha iniciativa insignia promovida pola Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co obxectivo de acelerar proxectos de ciencia disruptiva no campo do desenvolvemento global de fármacos conectando a investigación básica coa industria e o tecido empresarial nun contexto de innovación aberta.

Artellada a través dun convenio, esta colaboración público-privada é pioneira e inclúe á Administración autonómica galega, unha das multinacionais farmacéuticas máis grandes do mundo, Janssen, e a Fundación Kaertor, entidade privada sen ánimo de lucro. Unha colaboración que ten contribuído, segundo a directora de Gain, a visibilizar Galicia como a Comunidade autónoma referente da economía baseada no coñecemento en innovación aberta en descubrimento de fármacos, así como á creación dunha rede internacional de expertos que conectan Galicia cos centros de decisión europeos neste eido.

Argerey enmarcou esta iniciativa na aposta da Xunta e o potencial de Galicia no ámbito da biotecnoloxía, que constatan os datos publicados no último informe Asebio relativo a 2019 que nos sitúa como a terceira rexión máis activa en creación de empresas biotecnolóxicas. O carácter estratéxico do sector para a Xunta confírmase coa Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía en Galicia -posta en marcha en 2016- e na que a innovación aberta para o desenvolvemento farmacéutico foi identificado como un dos subsectores clave para o desenvolvemento rexional. Así mesmo, circunscribiu esta iniciativa á aposta de Galicia pola innovación aberta a través de numerosas actuacións de incubación e aceleración de proxectos e startups, en colaboración coa industria, en sectores estratéxicos como o aeroespacial, a automoción ou o alimentario, baixo o modelo das Business Factories.

Ademais, Galicia reúne -en palabras de Argerey- tres factores clave para o éxito: a garantía científica, avalada por un equipo de investigación de excelencia e recoñecido impacto global como o liderado por Mabel Loza e Ángel Carrecedo; a garantía industrial, a través da participación da compañía Jannsen, que non só achega un compromiso financeiro senón interese na valorización dos resultados; e a garantía metodolóxica, conformando un ecosistema único enfocado á eficiencia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre