Inicio Galicia A Xunta presenta a guía de intervencións en espazos públicos para mellorar...

A Xunta presenta a guía de intervencións en espazos públicos para mellorar a calidade destes elementos e fixar pautas de actuación

0

Trátase do oitavo documento que publica a Consellería de Medio Ambiente desde o ano 2012 no marco da Colección Paisaxe Galega

A nova Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos xa está dispoñible na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como unha ferramenta máis de carácter didáctico e divulgativo co obxectivo de mellorar a calidade deste tipo de elementos e ofrecer unha serie de pautas de referencia á hora de planificar novas intervencións sobre o territorio.

Así o avanzou esta mañá na Coruña a conselleira Ángeles Vázquez durante o acto de presentación oficial da guía, redactada polo Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, baixo a coordinación do Instituto de Estudos do Territorio (IET). A este respecto, a responsable galega de Medio Ambiente incidiu en que esta nova publicación nace cun dobre obxectivo: por unha banda, dar visibilidade á calidade dos espazos públicos galegos, e por outra, ofrecer unha serie de criterios de referencia para que todas as intervencións que se fagan dean como resultado “espazos integrados, eficientes, inclusivos e responsables”.

Neste sentido, Vázquez Mejuto subliñou durante a súa intervención que son os espazos públicos das cidades e vilas galegas os que marcan a diferencia “como elementos distintivos comúns” das súas diferentes etapas históricas así como dos seus barrios. Así, subliñou a importancia deste tipo de elementos, que forman parte da vida cotiá e teñen incidencia directa sobre as condicións das zonas urbanas e rurais ademais de repercutir no lecer e na saúde da cidadanía.

Máis dun cento de espazos analizadosPartindo desta premisa, a conselleira explicou que á hora de redactar a guía analizáronse máis dun cento de espazos públicos de referencia pertencentes a varias tipoloxías distintas, desde estradas e aparcadoiros, pasando por paseos e sendas de diferente tipo, prazas, xardíns, parques, praias, hortas urbanas ou miradoiros, entre outros. Para iso, tomáronse como exemplo aquelas intervencións que unen dous criterios importantes: o respecto da actuación á contorna e ao medio ambiente, e a súa utilidade para a cidadanía.

Deste xeito e dado o carácter didáctico e divulgativo da guía, o documento fixa os criterios xerais de deseño para garantir a integración paisaxística de calquera intervención, os criterios técnicos relacionados cos materiais e detalles dos elementos construtivos que conforman cada espazo, e cuestións específicas con solucións concretas para cada tipoloxía de espazo. Ademais, a guía inclúe máis de 50 espazos públicos considerados de referencia e distribuídos por todo o territorio para axudar a recoñecer boas prácticas de actuación.

Oitava guíaCoa Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos son xa oito as publicacións deste tipo que edita e publica a Consellería de Medio Ambiente no marco da Colección Paisaxe Galega, que se empezou a publicar no ano 2012 co obxectivo de poñer en valor, protexer e recuperar a paisaxe desde unha perspectiva sostible e ordenada.

Deste xeito, as guías editadas ata agora son a de Estudos de impacto e integración paisaxística, a de Criterios de sustentabilidade e integración paisaxística, a de Cor e Materiais de Galicia, a de Estudos da paisaxe urbana e a de Caracterización e integración paisaxística de valados.

Así mesmo, tamén se publicaron outras dúas guías de boas prácticas, a primeira delas centrada na intervención nos núcleos rurais e a outra, nos sistemas praia-duna. Nestes momentos, a conselleira avanzou que tamén está en redacción a Guía de integración paisaxística das actividades extractivas, co obxectivo de poder publicala este mesmo ano.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre