Inicio Galicia A Xunta presenta a autónomos e emprendedores a nova guía de recomendacións...

A Xunta presenta a autónomos e emprendedores a nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións no que presentou este documento que coincide co reinicio da actividade empresarial e industrial en sectores non esenciais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións dentro da rolda permanente de contactos que o Goberno autonómico está realizando cos principais axentes económicos e sociais para dar respostas áxiles, eficientes e consensuadas ante o escenario actual.

Entre outros asuntos, durante a videoconferencia, abordouse o retorno hoxe á actividade dos sectores non esenciais. Neste sentido, a Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou unha nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus co obxectivo de garantir a saúde das persoas traballadoras no reinicio da actividade empresarial e industrial. “Queremos que o reinicio na actividade se poida producir en condicións de seguridade con recomendacións que permitan compatibilizar a saúde e seguridade laboral dos traballadores coa actividade económica”, explicou o conselleiro.

O documento recolle medidas para as diferentes situacións. Así, enuméranse as recomendacións que se deben adoptar antes de iniciar a actividade, entre as que se encontran quedar no domicilio en caso de ter unha temperatura superior a 37º, presentar síntomas respiratorios ou se se estivo en contacto cunha persoa enferma máis de 15 minutos a unha distancia inferior a dous metros. En canto aos desprazamentos ao traballo a recomendación xeral, sempre que sexa posible, é utilizar un medio individual; no transporte colectivo ou compartido precísase o uso de máscara hixiénica.

Tamén se inclúen medidas para garantir a distancia de seguridade de dous metros tanto á entrada como á saída do centro e durante a permanencia -ademais de utilizar medidas de flexibilidade e quendas de traballo, limitar actividades presenciais ou evitar aglomeracións-, medidas organizativas -como contar cun plan de continxencia, un plan de limpeza e desinfección ou un protocolo para evitar o contaxio- e de hixiene e limpeza, tanto persoal -como o lavado de mans, a hixiene respiratoria ou recomendacións para o lavado da roupa de traballo- como do propio centro. A guía inclúe apartados sobre o uso de máscaras e equipos de protección individual e tamén de xestión de residuos.

Por outra parte, Conde trasladou aos representantes de AJE que a Xunta está traballando en dous escenarios. En primeiro lugar no curto prazo, con medidas económicas de choque para inxectar liquidez inmediata no tecido empresarial, como a liña de préstamos de ata 200.000 euros que xa rexistrou máis de mil solicitudes por importe de 79,3M€; o aprazamento das cotas de amortización e xuros; a axilización do pago a provedores; ou a suspensión dos prazas para a presentación de varios impostos.

E, en segundo lugar, con iniciativas a medio prazo para estar preparados para a reactivación económica tras o coronavirus que se centrarán no apoio aos investimentos, o impulso ao emprego e no estímulo á demanda para potenciar os sectores máis resentidos. O obxectivo é contar con medidas que volvan situar aos autónomos e ás pemes como o verdadeiro motor da recuperación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre