Inicio Galicia A Xunta prepara un paquete de medidas para paliar os efectos do...

A Xunta prepara un paquete de medidas para paliar os efectos do coronavirus na cultura preservando a actividade e o emprego

0

O conselleiro Román Rodríguez reuníuse co Consello da Cultura, a Real Academia Galega e a Real Academia de Belas Artes, ao tempo que se mantén contacto directo desde o inicio da crise sanitaria con 13 asociacións e colectivos do sector


A Xunta de Galicia está a preparar un amplo paquete de medidas específicas dirixidas a paliar os efectos da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19 no sector cultural galego, coa finalidade de preservar a actividade e o emprego das industrias culturais, garantir o cumprimento das programacións previstas e estimular o consumo cultural ao remate do actual estado de alarma.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníuse co Consello da Cultura, a Real Academia Galega e a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, no marco dunha serie de xuntanzas e contactos coas principais institucións e entidades profesionais do sector cultural. O intercambio coas máis altas institucións culturais do país foi positivo e plasmou a vontade de traballar conxuntamente pola cultura e as idustrias creativas galegas.

Do mesmo xeito, responsables dos distintos departamentos da Consellería están a manter contaco directo desde o inicio da crise con representantes de 13 asociacións que agrupan produtoras audiovisuais, compañías escénicas, empresas musicais, festivais de música e de audiovisual, editoriais, músicos, actores e actrices, técnicos de eventos, xestores culturais, salas privadas de espectáculos, etc.

Axilidade nos pagamentosNesta dinámica, estanse a recabar todas as achegas para planificar a reactivación e o impulso das industrias culturais e creativas na Comunidade, ao tempo que se está a dar resposta axilizando xa todos os pagamentos de actividades realizadas no que vai de ano. De feito, a tramitación administrativa desenvólvese con normalidade a través do sistema de teletraballo habilitado pola Xunta. Nestes momentos, estanse a priorizar os pagamentos tanto de subvencións adxudicadas como de facturas.

Ademais, a Xunta facilitará ao máximo as xestións económicas e administrativas dos sectores culturais para axudar nas cuestións vinculadas a prazos, documentacións requiridas ou na posibilidade de reprogramar todas as actividades que tiveron que ser suspendidas.

Reestruturación orzamentariaA Consellería de Cultura informou xa no Consello da Xunta da reestruturación dos seus créditos orzamentarios co obxectivo acometer as medidas precisas para axudar na reactivación deste sector produtivo. A previsión orzamentaria alcanza os 25M€ para o conxunto do Departamento autonómico e centrarase prioritariamente no mantemento do emprego.

En concreto, trabállase no desenvolvemento de accións centradas no fomento do consumo cultural: o estímulo, a través dun incremento na dotación, das redes profesionais de distribución de espectáculos, e a creación ou adaptación de liñas de axudas para fortalecer tanto a distribución interior como a produción cultural galega.

Ademais, entre os programas actualmemte en proceso de elaboración, reforzarase a orientación do Xacobeo 2021 como ferramenta de recuperación económica e produtiva do tecido propio.

Serán uns eixos que rematarán de perfilarse ao remate do estado de alarma en función do xeito no que evolucione a emerxencia sanitaria e para os que, tendo en conta a estrutura do gasto público en cultura no conxunto de Galicia, se proporán levar a cabo en colaboración coas entidades locais, xa que estas contan tamén cunha significativa porcentaxe de investimento neste eido.

Recoñecemento ao sectorA Xunta de Galicia é plenamente consciente da especial situación pola que atravesa o sector cultural galego, ao que lle recoñece, ademais, o seu esforzo, talento e capacidade creativa, tal como se está poñendo estes días de manifesto cos contidos verquidos nas distintas redes sociais e plataformas web de xeito accesible a todo o público.

Neste sentido, tamén Cultura e Turismo, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes, propón para o período que dure o confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer a través da campaña #aculturasegue. Garantindo o acceso da cidadanía á cultura, e fomentando e incentivando as prácticas e hábitos culturais, especialmente entre os máis novos. É unha campaña aberta e positiva, á que a Xunta convida a sumarse ás institucións, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir todo tipo de iniciativas artísticas, creativas e divulgativas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre