Inicio Galicia A Xunta prepara a celebración en 2019 do 25 aniversario da creación...

A Xunta prepara a celebración en 2019 do 25 aniversario da creación da Rede Galega de Información Xuvenil

0

A conmemoración farase coincidir co 17 de abril, data na que se festexa a nivel europeo o Día da Información Xuvenil


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, reuniuse esta mañá cos responsables dos doce Espazos Xove integrados na Rede Galega de Información Xuvenil, para avanzar no deseño do programa de actividades que terán lugar o vindeiro mes de abril con motivo do Día Europeo da Información Xuvenil. Unha data que este ano, no caso de Galicia, se festexará de maneira dobre, xa que coincide co 25 aniversario da creación da Rede Galega de Información Xuvenil. Unha rede que botaba a andar en marzo de 1994 e no que hoxe se emprazan os Espazos Xove de Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui, Vilagarcía e Ourense.

Nesta liña, Cecilia Vázquez explicaba ao remate do encontro que “aproveitando que cada 17 de abril se festexa en toda Europa o Día da Información Xuvenil e que a nosa rede celebra os seus 25 anos de andaina, queremos facer partícipe na organización dos distintos actos aos responsables dos Espazos Xove”. Un deseño da programación ao que tamén está previsto incorporar aos técnicos de información xuvenil para planificar os distintos encontros que terán lugar o próximo ano: cos informadores xuvenís, cos correspondentes xuvenís e cos técnicos de animación sociocultural e turística co obxecto de dar unha visión do que foi ata o de agora a información xuvenil e cales son os retos de futuro.

Leer más:  SUS-Santiago fija "posición de ciudad" para pedir la intervención del Gobierno y ampliar el uso residencial de Peleteiro

A directora xeral de Xuventude subliñou hoxe o fundamental que resulta para os mozos e mozas a información xuvenil á hora de acceder aos recursos en igualdade de oportunidades e de participar en todas cantas actividades se promoven para este colectivo. E, ao fío, Vázquez lembrou o programa Correspondentes Xuvenís, posto en marcha pola Dirección Xeral no ano 2013 para incentivar a participación da mocidade galega e que sumou no curso 2017-2018 cerca de 600 mozos e mozas.

A Rede Galega de Información XuvenilGalicia incluíu na súa axenda a información xuvenil no ano 1994, coa creación da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil. Formada polo Centro coordinador de información Xuvenil, os Espazos Xove (12 centros), as Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) (247 centros) e os Puntos de Información Xuvenil dependentes de asociacións, configúrase como un servizo público de estrutura territorial que articula e coordina as iniciativas promovidas tanto por organismos públicos como por entidades privadas sen ánimo de lucro, encamiñadas a prestar información e asesoramento aos mozos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ten como obxectivos asegurar que as prestacións dos Servizos de Información Xuvenil (SIX) se desenvolvan en condicións adecuadas, garantir a difusión de información xuvenil ampla e actualizada en todo o ámbito da Comunidade Autónoma e favorecer a implantación dos mecanismos de información precisos para posibilitar a igualdade de oportunidades entre a mocidade galega.

Leer más:  El incendio de A Fonsagrada (Lugo), que ha afectado a 65 hectáreas, ha sido controlado

A información xuvenil é considerada unha actividade de procura, tratamento e difusión da información xunto co asesoramento e orientación prestados á mocidade nos SIX. O seu obxecto é poñer a disposición da mocidade os elementos necesarios para unha mellor toma de decisións no exercicio da súa liberdade e autonomía e que fagan posible unha plena integración na sociedade.


- Te recomendamos -