Inicio Galicia A Xunta premia oito centros polos seus proxectos de formación permanente do...

A Xunta premia oito centros polos seus proxectos de formación permanente do profesorado

0

Os plans teñen como obxectivo mellorar a organización e xestión dos centros, así como a súa contorna, ou contribuír á elaboración e uso de recursos multimedia interactivos


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución dos Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado 2018 a través dos que se recoñece a calidade dos plans de formación deseñados polos propios colexios e institutos e desenvolvidos no curso 2017/18 e que se pode consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/26367 .

Por provincias, os centros recoñecidos polas súas boas prácticas foron, na Coruña, o CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira), o CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo) e o CEIP Plurilingüe Os Casais (Fene); mentres que en Lugo foi premiado o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) e en Ourense o CEE O Pino, da cidade das Burgas. Na provincia de Pontevedra foron galardoados o CEIP de Portonovo (Sanxenxo), o CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei) e o IES Valadares (Vigo).

Para a concesión dos premios valorouse o contido innovador e transferibilidade do proxecto, os recursos tecnolóxicos utilizados, o traballo multidisciplinar e en equipo, o grao de implicación da comunidade educativa, os recursos achegados á comunidade e o desenvolvemento das competencias profesionais docentes a través destes proxectos. Así mesmo, tívose en conta a existencia dun sistema de avaliacións relativo á implantación e desenvolvemento do proxecto e o nivel de logro acadado.

Implicados 7 de cada 10 centrosNo curso 2017/18 sete de cada dez centros de ensino públicos (un total de 688 centros) desenvolveron un Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) con unha ou máis liñas formativas, plans que teñen como obxectivo perfeccionar as competencias profesionais dos docentes.

Os proxectos están baseados na análise e detección das necesidades educativas do centro e propoñen estratexias de carácter didáctico e metodolóxico por medio do traballo colaborativo e adaptado a cada contexto. A súa finalidade é mellorar o ámbito organizativo ou a xestión dos centros, afectarlle cualitativamente á contorna familiar e institucional ou contribuír á elaboración e uso de recursos multimedia interactivos. Todos e cada un deles están deseñados co apoio dun Centro de Formación e Recursos (CFR) ou do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e son desenvolvidos baixo a súa supervisión. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre