Inicio Galicia A Xunta premia a creatividade da cativada co Concurso Infantil de Postais...

A Xunta premia a creatividade da cativada co Concurso Infantil de Postais de Nadal no Gaiás, no que participaron máis de 160 rapaces

0

A entrega dos agasallos tivo lugar antes do comezo de Galicia Magic Fest, unha gran gala organizada polo mago galego Pedro Volta

A Xunta de Galicia premiou hoxe a creatividade e a orixinalidade da cativada dando a coñecer os e as gañadoras do tradicional Concurso Infantil de Postais de Nadal no Gaiás, ao que máis de 160 pequenos presentaron os seus traballos, entre o 1 e o 22 de decembro. Os requisitos para participar eran non superar os nove anos e debuxar a súa árbore de Nadal, como deferencia á xigante que preside a cidade máxica e de conto do Museo Centro Gaiás e a disposición das familias para adornar.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, foi o encargado de darlles os premios aos seis rapaces cuxas postais de árbore de Nadal resultaron ser as gañadoras nos tres tramos de idade no que se organizou o concurso. Deste xeito, no segmento entre cero e tres anos premiouse a Xoel Montoro e a Sabela Callón; no de entre catro e seis anos, a Xiana Rivadulla e a Leire Noia; e entre sete a nove, a Hania Mozo e a Iván Casal.

A entrega dos agasallos —destinados a fomentar a súa creatividade plástica e que tamén incluíu un bono para o festival internacional de curtas infantís Pequefilmes que se celebrará o 18 e 19 de xaneiro na Cidade da Cultura— tivo lugar antes do comezo de Galicia Magic Fest, unha gran gala organizada polo mago galego Pedro Volta. Este espectáculo esgotou todas as entradas hai dúas semanas, xa que consegue xuntar un total de sete ilusionistas chegados de todos os recunchos do mundo, que atesouran diferentes recoñecementos internacionais nesta disciplina, e entre os que se atopa un gran premio mundial como é Norbert Ferré.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre