Inicio Galicia A Xunta potenciará o talento audiovisual da mocidade expresado en galego co...

A Xunta potenciará o talento audiovisual da mocidade expresado en galego co programa ?Lingua Rodada?

0

O secretario xeral de Política Lingüística presentou este novo proxecto de dinamización lingüística dirixido a alumnado de educación secundaria

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá no Pazo de San Roque o programa de dinamización do galego Lingua rodada, que a Xunta de Galicia desenvolverá entre xaneiro e maio deste ano.

Valentín García explicou que Lingua rodada incide na alfabetización audiovisual en galego e na promoción e uso da nosa lingua entre a mocidade a través dos soportes e canles en que os rapaces e rapazas se moven habitualmente”. Así mesmo, engadiu o secretario xeral, “queremos que sirva de espazo e plataforma de expresión para aqueles mozos e mozas que teñen ideas e ganas de contalas na nosa lingua e que poden ser semente de futuro para o cine galego, porque, como dixo Chano Piñeiro, a quen lle queremos render homenaxe con este proxecto, facer cine en Galicia é posible e facelo en galego é necesario”.

Xunto co secretario xeral, participaron na presentación de Lingua rodada Rubén Riós, actor e director da produtora Claqueta Coqueta, que xestionará o proxecto.

Do centro educativo ao Festival de CansLingua rodada é unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso do galego e a súa valoración positiva entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización do galego na mocidade 2019-2022. A proposta conta coa colaboración da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Consiste nun certame de microrrelatos levados á imaxe por medio de pequenos vídeos realizados co teléfono móbil por rapaces e rapazas que teñan entre os 12 e os 17 anos e cursen ESO, primeiro de bacharelato, formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio ou ensinanzas especiais en centros de titularidade da Xunta. Os autores das tres curtas preseleccionadas recibirán un obradoiro impartido por un especialista do sector audiovisual que lles permitirá mellorar a súa proposta. Pola súa banda, os creadores do vídeo que resulte finalmente gañador participarán nunha estadía rural de dous días durante a que rodarán o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual ao seu cargo e posteriormente asistirán á XVII edición do Festival de Cans, onde terán ocasión de presentar o seu traballo.

O prazo para que os centros educativos soliciten a súa participación no programa abrangue do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2020 e o prazo de envío dos vídeo-relatos, do 4 de febreiro ao 4 de marzo. As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre