Inicio Galicia A Xunta porá enriba da mesa experiencias sobre a separación, tratamento e...

A Xunta porá enriba da mesa experiencias sobre a separación, tratamento e prevención do desperdicio alimentario

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda celebrará o vindeiro 26 de marzo unha xornada sobre a xestión de biorresiduos dirixida a persoal técnico das entidades locais, técnicos de residuos e xestores

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda celebrará o vindeiro 26 de marzo a xornada Xestión de biorresiduos, dirixida a persoal técnico das entidades locais, técnicos de residuos e xestores. Así, o Goberno galego quere poñer en riba da mesa experiencias con éxito sobre a separación, tratamento e prevención do desperdicio alimentario, ao tempo que se lles aportará outras visións que poden axudar a ampliar o coñecemento sobre este residuo urbano, co fin de reportar un maior beneficio á contorna e á economía.

A cita, que terá lugar no Auditorio Abanca en Santiago de Compostela a partir das 10 horas, está organizada en base a tres bloques, nos que se contará coa participación de representantes de institucións nacionais e locais, membros da administración pública e especialistas de consultoras e empresas con experiencia nesta materia. Os ponentes explicarán e informarán das diferentes vías dende as que se pode analizar o tratamento de residuos orgánicos, para ofrecer solucións axeitadas a cada caso concreto.

Con fin de abordar esta materia dende unha perspectiva de 360º, establecerase un bloque sobre o marco institucional da xestión de residuos, no que participarán diferentes responsables da administración pública e institucións privadas. Neste bloque abordaranse as diferentes políticas estatais e autonómicas en materia de residuos, aportaranse criterios e identificaranse os obxectivos para acadalos, seguindo sempre as directrices europeas sobre economía circular.

O segundo bloque estará dedicado a expoñer os diferentes exemplos de éxito sobre a xestión de biorresiduos a escala local. Grazas á participación de diferentes responsables de empresas e organismos públicos de entidade municipal os asistentes coñecerán experiencias que xa se están a levar a cabo, así coma os retos que tiveron que superar tendo en conta as necesidades específicas de cada caso.

Outro dos aspectos nos que se fará fincapé é a xestión dos denominados biorresiduos ou desperdicio alimentario. Neste espazo, diferentes profesionais da hostalaría, do márketing empresarial e do desenvolvemento de solucións tecnolóxicas compartirán a súa experiencia na divulgación e implantación de iniciativas para a redución e reaproveitamento do desperdicio alimentario.

Cómpre recordar que esta xornada enmárcase dentro do eixo prioritario que a Xunta de Galicia establece no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022), que busca facer do noso sistema de recollida e selección un modelo aínda máis sostible, mediante a mellora da xestión dos residuos en toda a cadea, comezando por evitar que se produzan e finalizando por reducir ao mínimo posible os desperdicios mediante a súa reutilización.

As persoas interesadas en asistir a esta actividade deben inscribirse previamente a través do enlace https://goo.gl/forms/4Qy90yoRoqNqDGix1 antes do venres 22 de marzo.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre