Inicio Galicia A Xunta porá en marcha unha nova campaña de promoción dos produtos...

A Xunta porá en marcha unha nova campaña de promoción dos produtos do mar entre os mozos de 18 a 35 anos para fomentar os hábitos dunha alimentación saudable

0

Precisa que esta campaña realizarase de forma directa e dixital co fin de que os mozos poidan apreciar o valor dos alimentos e os beneficios que aporta comer ben


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que, á volta do verán, a Xunta porá en marcha unha nova campaña de promoción dos produtos do mar entre os mozos de 18 a 35 anos, co obxectivo de fomentar os hábitos dunha alimentación saudable entre un sector da poboación que comeza a súa formación superior e a emanciparse, acabar co descoñecemento que poida ter sobre este alimento á hora de compralo e dar a coñecer as súas propiedades nutricionais.

Durante a celebración da VI Conferencia Internacional organizada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Feijóo precisou que esta campaña realizarase de forma directa e dixital co fin de que os mozos poidan apreciar o valor dos alimentos e os beneficios que aporta comer ben.

Nesta liña, lembrou que o Goberno galego leva traballando neste eido desde 2010, a través de dúas campañas de promoción e divulgación para impulsar o consumo de produtos do mar e inculcar hábitos de consumo axeitados en idades temperás, chegando a máis de 100.000 nenos e involucrando a todos os axentes da comunidade educativa.“Estamos a falar de O sabor da aventura está no mar e de Ponlle as pilas ao teu bocata”, precisou, subliñando que a primeira, destinada aos escolares de educación primaria, con talleres itinerantes e excursións para o fomento do consumo de peixe, chegou a máis de 51.000 nenos, sendo recoñecida en 2017 polo organismo que avalía as políticas postas en marcha con fondos do FEMP da Comisión Europea como a mellor práctica.

Pola súa banda, Ponlle as pilas ao teu bocata, céntrase en difundir os beneficios do consumo de conservas de peixe e marisco entre a poboación de 5 a 16 anos. E, desde o seu inicio, participaron máis de 62.000 nenos.

Cómpre salientar que ambas as dúas campañas inscríbense en Aliméntate ben, que conta con outras iniciativas como Froita na escola ou Lácteos na escola. “E facemos tamén campañas noutros ámbitos, como Do mar ao prato, para os centros de formación en hostalería”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo tamén destacar o labor de ARVI e o seu compromiso cos retos que deparan ao sector como a sustentabilidade ambiental, social ou económica da pesca, pasando pola seguridade alimentaria ou os beneficios do consumo de peixe para a poboación. Non en van, de acordo coa OMS nos últimos 40 anos multiplicouse por 10 os nenos e adolescentes con obesidade no mundo, pasando de 11 a 124 millóns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre