Inicio Galicia A Xunta porá en marcha unha batería de medidas para apoiar á...

A Xunta porá en marcha unha batería de medidas para apoiar á cidadanía e ás empresas que poidan verse afectadas polo Brexit

0

Feijóo asegura que se prevé a posta en marcha dun cheque Brexit para cofinanciar os gastos nos que incorran as empresas galegas que exportan ao Reino Unido


Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, dunha batería de medidas para apoiar a cidadanía e ás empresas que poidan verse afectadas polo Brexit.

O presidente da Xunta dixo que o Goberno de Galicia traballa para lograr “a maior información posible e a menor afección posible”. E lembrou que a Administración autonómica leva tempo facendo os deberes na medida das súas posibilidades e traballando para avaliar os posibles efectos que poida ter a saída deste país na economía galega.

Ao respecto, salientou que o pasado 5 de setembro púxose en marcha o Grupo de traballo interdepartamental, onde se acordou levar a cabo unha estratexia conxunta nos distintos departamentos implicados para mitigar as consecuencias do Brexit.

Así, no eido empresarial, Feijóo afirmou que se ampliarán as actividades de asesoramento ás empresas galegas na oficina do Igape no Reino Unido, co obxectivo de ofrecer servizos de consultaría fiscal, laboral, xurídica e administrativa. E tamén se prevé a posta en marcha dun cheque Brexit para cofinanciar os gastos nos que incorran as empresas galegas que exportan ao Reino Unido, avanzou.

Así mesmo, reforzarase a plataforma dixital coordinada polo Igape desde a que se permite ás empresas galegas avaliar a súa situación en relación ao impacto do Brexit, cun incremento de recursos.

No eido da pesca, un dos sectores máis afectados polos efectos do Brexit -1.700 persoas faenan en 150 buques galegos en augas británicas-, as iniciativas concentraranse en solicitar ao Goberno central que leve a cabo todas as medidas de continxencia necesarias para que a frota galega non teña que abandonar os caladoiros británicos en caso dun Brexit sen acordo.

E destaca que a Xunta proporá a creación dun fondo específico que compense á frota no caso dun Brexit duro, pero sen detraer partidas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xa están comprometidas para o avance do sector. Ademais de instar ao Goberno central a aprobar un real decreto que fixe as condicións para o desembarque de peixe fresco de buques británicos nos portos españois, tamén destacou o apoio á proposta de empresarios de loxística portuaria de poñer en marcha unha conexión por ferry que una Irlanda e Galicia.

Feijóo resaltou que hai outros asuntos de relevancia como que se garantan os dereitos dos 14.000 galegos residentes no Reino Unido –en aspectos tan importantes como a asistencia sanitaria, a Seguridade Social ou a residencia–. Por último, e en relación ao sector turístico, o presidente da Xunta afirmou que, co obxectivo de atraer a turismo do Reino Unido a Galicia, intensificaranse as campañas de promoción no mercado británico a través de feiras internacionais turísticas, nas que se poñerá en valor toda a capacidade turística de Galicia e moi especialmente na próxima década dos 3 Anos Santos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre