Inicio Galicia A Xunta pon en valor que o obradoiro dual da Laracha e...

A Xunta pon en valor que o obradoiro dual da Laracha e Arteixo permitiu que 20 desempregados recibiran formación e acceso a un posto de traballo

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, asistiu hoxe á clausura do obradoiro ‘A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego V’ que se centrou nas especialidades de carpintería e pintura industrial

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe na Laracha, na clausura que realizou do obradoiro dual A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego V, a importancia deste tipo de programas de formación e emprego porque grazas a súa especialización e á formación flexible e á carta que ofrecen están contribuíndo a ter unha Galicia máis preparada.

Na iniciativa participaron 20 alumnos e alumnas que recibiron cualificación, ao tempo que accederon a un posto de traballo, nas especialidades de carpintería e moble, ademais de pintura industrial en construción. Unha vez rematado o obradoiro, que contou con nove meses de duración, terán, ademais, a posibilidade de acceder a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante tres meses máis, como mínimo, grazas á dualidade do obradoiro.

A formación que están recibindo permitiulles, tamén, realizar labores de pintura interior e exterior en edificios e instalacións municipais como os campos de fútbol da Laracha e Paiosaco; o pavillón deportivo de Xermaña-Caión; a pista polideportiva de San Román de Cabovilaño; o edificio de usos múltiples municipal; as antigas escolas unitarias de Ínsua e As Rañeiras ou os centros socioculturais do Cruceiro e Areosa. Ademais, tamén permitiron a mellora ambiental e acondicionamento do Muíño da Cachada.

Toca sinalou que a formación para o emprego é prioritaria para contar cunha Galicia e cuns concellos máis preparados a través dos cursos formativos e dos obradoiros que se están ofrecendo. Estes programas de formación dual, flexibles e á carta permiten ofrecen novas oportunidades de traballo a aquelas persoas que non contan cunha formación académica suficiente e aos que queren multiplicar as súas opcións recibindo unha mellor especialización.

A Xunta porá en marcha en 2019/2020 e, por segundo ano consecutivo, estes programas cun orzamento de 21 millóns de euros para poder beneficiar a 1200 persoas sen emprego. Primaranse os obradoiros forestais e no acceso a este programa terán preferencia emigrantes retornados, desempregados maiores de 45 anos e mulleres. Así mesmo, tamén se desenvolverán obradoiros específicos para menores de 30 anos, os que forman parte do sistema de Garantía Xuvenil.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre