Inicio Galicia A Xunta pon en valor os máis de 1.100 millóns de euros...

A Xunta pon en valor os máis de 1.100 millóns de euros mobilizados para o saneamento integral das rías e o traballo na Comisión Europea para seguir mellorando a calidade das augas

0
image_gallery.jpg

A directora de Augas de Galicia lembra as 750 actuacións levadas a cabo en materia de saneamento e abastecemento e a construción de 45 novas depuradoras que dan servizo a 1,7 millóns de galegos, o que supón máis da metade dos cidadáns


A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, destacou hoxe no Parlamento os máis de 1.100 millóns de euros mobilizados pola Xunta en actuacións de saneamento e abastecemento, así como o traballo que se está a realizar ante a Comisión Europea para seguir impulsando a mellora da calidade das augas.

Na súa comparecencia hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, a directora de Augas de Galicia repasou os principais fitos da Xunta no saneamento integral das rías galegas e a consecución dun bo estado medioambiental das súas rías e os seus ríos.

Lembrou que desde o ano 2009 o esforzo inversor realizado pola Xunta permitiu levar a cabo 350 actuacións de saneamento que beneficiaron a 165 concellos, así como máis de 300 actuacións en materia de abastecemento, das que se beneficiaron 186 concellos. Tamén se construíron 45 novas depuradoras, con capacidade para dar servizo a 1,7 millóns de cidadáns, o que supón máis da metade da poboación de Galicia.

Citou entre este investimentos e infraestruturas os case 100 millóns de euros destinados ao saneamento da ría do Burgo, os máis de 55 millóns na ría de Arousa, coa depuradora de Ribeira executada en colaboración co Estado; e os máis de 100 mobilizados, xunto co Estado, na ría de Ferrol. Tamén se referiu á depuradora de Lagares, en Vigo, cun investimento da Xunta de 80 millóns de euros.

Na súa intervención, a director de Augas de Galicia salientou o traballo de planificación na execución de infraestruturas de saneamento e depuración, a través dos Plans de saneamento locais, cun investimento duns 7 millóns de euros. Están xa realizados os Plans das rías do Burgo, Arousa e de Pontevedra e en execución os das rías de Noia, Cee-Corcubión e Ares-Betanzos.

Subliñou que co apoio técnico e financeiro da Xunta aos concellos nas súas competencias municipais, deuse un salto cualitativo en aspectos clave como, a extensión dos servizos de saneamento e depuración, que hoxe chegan a máis de 3,3 millóns de galegos e de galegas, fronte aos 1,8 millóns do ano 2009; ou a mellora da prestación deses servizos, cumprindo a día de hoxe o 90% das aglomeracións urbanas coas directivas europeas.

Actuacións estas, remarcou, que permitiron redundar na mellora da calidade das augas das rías galegas, mellorando en case 10 puntos porcentuais nos últimos anos, para acadar hoxe o 76% das masas de auga das rías un bo estado.

A directora de Augas de Galicia, tamén falou do traballo de planificación, medidas, infraestruturas e investimentos que terá continuidade ao longo de toda a lexislatura, máis aló das actuacións en execución, contratación ou en proxecto. Referiuse, concretamente, a algunhas actuacións que se están a impulsar, como poden ser as de Foz, Burela e Viveiro, pendentes de cuestións alleas a Augas de Galicia por requirir dos trámites de Costas do Estado, preceptivos para poder avanzar.

Finalmente, a responsable de Augas de Galicia expresou a vontade do Goberno galego de continuar traballando na xestión eficaz e eficiente da auga. Por iso, indicou, tamén se están a manter xuntanzas cos representantes da Comisión Europea para expoñerlles as prioridades de Galicia, en materia de augas, e que coñezan as necesidades estratéxicas da Comunidade de cara á posible obtención de financiamento comunitario futuro. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre