Inicio Galicia A Xunta pon en valor o protocolo de prevención específica fronte á...

A Xunta pon en valor o protocolo de prevención específica fronte á covid-19 para facer do autobús compartido o máis seguro de todos os medios de transporte público

0

Ignacio Maestro subliña a celeridade do Goberno galego que, xa antes de decretarse o estado de alarma, dispuxo as primeiras medidas para favorecer unha mobilidade segura e un servizo de transporte de calidade e coas máximas garantías

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia onde puxo en valor o protocolo de prevención específica fronte á covid-19 para facer do autobús compartido o máis seguro de todos os medios de transporte.

Ignacio Maestro salientou a celeridade do Goberno galego para ofrecer unha mobilidade segura e un transporte público de calidade coas máximas garantías, xa antes de decretarse o estado de alarma, xa que o día 13 de marzo a Xunta presentaba ás federacións de transporte as medidas de prevención nos servizos colectivo contra o coronavirus.

Enumerou a lista de medidas, ordes e instrucións impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade desde ese momento e ata actualidade no eido do transporte público da Xunta, sempre de xeito acorde á evolución epidemiolóxica. Lembrou que, neste momento, se recuperaron a totalidade das expedicións de transporte provincial e están a un mínimo do 80% as conexións entre distintas provincias.

O director xeral de Mobilidade abundou no traballo constante para a actualización dos protocolos para mellorar os servizos e garantir que os cidadáns poidan viaxar no transporte da Xunta en condicións de máxima seguridade. Unha folla de ruta dinámica, receptiva e dialogada co sector, que inclúe as medidas de protección da saúde para os traballadores e usuarios do transporte público xeral, dixo.

Incidiu na proactividade da Xunta desde o inicio da pandemia para promover unha mobilidade segura e, en particular, no eido do transporte compartido. Este servizo vén funcionando con éxito en Galicia desde o ano 2017, permitindo que os maiores empreguen as prazas baleiras dos autobuses escolares, o que ofrece unha gran capilaridade dos servizos, fundamentalmente no rural.

Tal e como explicou Ignacio Maestro, ante o inicio do curso escolar a Xunta quixo ir máis alá nos protocolos para o bus compartido, reforzando a seguridade no autobús que empregan os escolares, sendo máis esixentes aínda no cumprimento das normas nesta modalidade de transporte. Medidas, apuntou, que non existen noutros medios de transporte como o metro, o avión ou o tren.

A este respecto, indicou que o protocolo de prevención deseñado para este medio de transporte contempla as garantías para todos os usuarios, tanto nenos como maiores. Isto, apuntou, faise a través de medidas complementarias das xa ditadas desde o primeiro momento no transporte público, como o uso obrigatorio de máscara, a desinfección e ventilación dos vehículos ou a separación do condutor.

Entre as medidas recollidas neste protocolo específico citou o uso preferente do mesmo asento polos escolares, a separación dos asentos escolares dos do resto de usuarios, a reserva das prazas dianteiras para as persoas maiores, ou as normas para o acceso e baixada do autobús. Ademais, estableceuse a figura dun coordinador que actúa de ligazón entre o centro educativo e os servizos de transporte.

Tamén se referiu ao manual de seguridade viaria e boas prácticas para persoas usuarias do transporte, recentemente presentado en colaboración coa asociación Stop Accidentes. Trátase dun protocolo didáctico con 49 recomendacións para fomentar condutas responsables entre todos os usuarios do transporte: os alumnos, as familias, os acompañantes, os condutores e os usuarios xerais.

En definitiva, en palabras de Ignacio Maestro, Galicia dispón dun rigoroso protocolo de prevención fronte á covid-19 no relativo ao transporte público en xeral, cun foco especial no transporte escolar compartido, que asegura o vertebramento do territorio e o acceso aos servizos básicos, sen perder de vista en ningún momento a saúde de usuarios e traballadores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre