Inicio Galicia A Xunta pon en valor o papel do sector pesqueiro galego como...

A Xunta pon en valor o papel do sector pesqueiro galego como peza indispensable da economía e dos obxectivos da Europa Azul

0

O Executivo galego destaca que a comunidade conta cun sector dinámico que logrou aumentar a súa aportación ao PIB pese á crise


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia da pesca na economía galega e a relevancia de Galicia no conxunto do sector pesqueiro, tanto en Europa como no mundo, polo que reivindicou que a comunidade é “unha peza indispensable no xogo da pesca da Europa Azul”. Así o defendeu durante a inauguración da XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas da Pesca Buscando o azul: a economía da pesca e a acuicultura postmilenaria, onde incidiu en que o tecido produtivo vencellado ao mar dá emprego a máis de 44.000 persoas en Galicia, cuns ingresos en toda a cadea mar-industria de máis de 8.850 millóns de euros.

A titular de Mar salientou ademais que o sector pesqueiro da comunidade é “dinámico”, pois logrou aumentar a súa aportación ao produto interior bruto (PIB) galego pese á crise e chegar a ser “o cuarto sector con maior presenza na economía galega”. Neste sentido, destacou que o sector extrae, vende, transforma e comercializa numerosos produtos mariños, un círculo de actividade que se pecha coa máxima de que “tan importante é pescar ben como vender mellor”.

Rosa Quintana explicou que é preciso poñer en valor tanto a economía da pesca como as empresas pesqueiras e os seus traballadores e, nesa liña, aportou numerosos datos que mostran a importancia do complexo mar-industria galego. Entre eles, detallou que Galicia concentra máis do 10% das descargas de peixe fresco da UE, que aporta o 20% da produción acuícola europea e que é a primeira rexión europea e a segunda mundial na produción de conservas de peixe e marisco.

Tamén expuxo que 64 das 81 ramas de actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro e engadiu que, segundo as táboas galegas input-output da pesca e da conserva publicadas no 2014, o impacto económico da pesca sobre as actividades derivadas é de 1.770 millóns de euros só nos produtos adquiridos.

A conselleira tamén puxo de relevo a importancia das persoas, “que son e serán sempre o centro do sector, a súa parte en movemento”. Un eido cunha relevancia en termos económicos que se reflicte nos 550 millóns de euros aportados en forma de salarios. Neste sentido sinalou que esta importante relación tamén se reflectirá nas seguintes táboas galegas input-output encargadas á Universidade de Santiago de Compostela e previstas para 2021.

Esta XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas da Pesca celébrase en Galicia froito do traballo nesta asociación dos profesionais da Universidade de Santiago, algo que a conselleira do Mar agradeceu ao tempo que fixo unha mención especial aos profesores María do Carme García Negro e Gonzalo Rodríguez, “pola súa experiencia e saber facer”. De feito, estes investigadores xa realizaron informes de interese para a Xunta como os relacionados cos descartes, o lirio e o impacto económico do brexit.

Precisamente, nas tres xornadas da conferencia, que remata o xoves, os expertos internacionais en materia de pesca falarán sobre a implementación da Política Pesqueira Común e de aspectos relacionados como a obriga de desembarque de capturas, a xestión das cotas en pesqueiras mixtas, a avaliación do impacto dos plans de xestión, o brexit e tamén os enfoques rexionais no sector dos produtos do mar.

O acceso á pesca, a internacionalización das cotas e os mercados e a comercialización de produtos pesqueiros tamén serán obxecto de debate neste foro no que ademais se falará de prácticas de xestión e comercialización no eido da acuicultura, da economía do cambio climático na pesca e do papel da pesca artesanal.

Mañá pola tarde haberá tamén unha sesión especial centrada nas experiencias locais de Galicia na que un representante da Consellería do Mar falará sobre o selo de calidade pescadeRías, que identifica os produtos do mar frescos da frota galega de pequena escala. Esta sesión incluirá outra charla sobre a captura do berberecho en Noia e unha terceira sobre a ecoetiqueta PescaenVerde e as oportunidades e retos de implementación da avaliación do ciclo de vida en certificación de mariscos.

Asociación Europea de Economistas da PescaA Asociación Europea de Economistas da Pesca (European Association of Fisheries Economists, EAFE) foi fundada en 1989 e é unha asociación independente de economistas que traballan na pesca, incluídos os sectores de captura, acuicultura e en terra, na Unión Europea. Ten como obxectivos promover a cooperación en investigación económica en pesca e acuicultura, axudar na difusión de información sobre economía da pesca entre os membros, emprender actividades para afondar na comprensión da economía da pesca e servir de canle de comunicación con outros organismos interesados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre