Inicio Galicia A Xunta pon en valor o papel de Galiciencia para espertar vocacións...

A Xunta pon en valor o papel de Galiciencia para espertar vocacións científicas nos máis novos

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en San Cibrao das Viñas os proxectos participantes e asistiu á entrega dos premios ás mellores iniciativas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, os proxectos de Galiciencia -na que participaron 150 investigadores e investigadoras noveis de 30 centros galegos-, onde tamén asistiu á entrega dos premios deste ano.

Conde subliñou o papel desta feira, que é a maior de carácter científico de Galicia, espertando vocacións nos máis novos. Así agradeceu á organización este evento que axuda a inculcar nos mozos e mozas galegas o espírito da curiosidade, o emprendemento, o talento e a creatividade.

Conde, que asegurou que a ciencia é o mellor investimento que pode facer un territorio para basear o seu crecemento e competitividade no coñecemento e a innovación, destacou a alta calidade e nivel tecnolóxico das propostas presentadas e explicou que son a mellor mostra de que a ciencia en Galicia ten futuro.

Neste sentido, os vencedores da Galiciencia 2018 gañaron o pasado mes o primeiro premio da maior feira estatal, Exporecerca, e serán os representantes españois no certame europeo Expo Science Europa. Ademais, un participante das primeiras convocatorias foi o encargado de deseñar a aplicación móbil coa que o xurado valorou os distintos proxectos que nesta edición tiñan como temática principal a saúde e os bos hábitos.

A feira, que cumpre 14 edicións sumando visitantes e centos de proxectos, consolida Tecnópole como un espazo de referencia para a divulgación da ciencia e da innovación.

Proxectos premiadosO proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido polos estudantes Nuno Sinde e Pedro Fernández do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio é o gañador absoluto da Galiciencia 2019. Reciben 1000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2020 (Barcelona). O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeulle ao sistema de acendido intelixente para vehículos acoplado a un alcoholímetro, de Pablo Páramo do Colexio Maristas Santa María de Ourense. En terceiro lugar quedou Iria González, do Campamento tecnolóxico T2W de Tecnópole. Esta estudante ourensá demostra que a aparente base de azar do programa de televisión The Wall é falsa. Ademais outorgáronse varias mencións especiais nas categorías de saúde e bos hábitos, mellor comunicación oral, innovación e método científico. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre