Inicio Galicia A Xunta pon en valor o papel das administracións e medios de...

A Xunta pon en valor o papel das administracións e medios de comunicación rexionais na loita europea contra a desinformación

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou a importancia do nivel rexional na prevención da desinformación durante a reunión de hoxe da comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, participou hoxe en Bruxelas en representación da Xunta de Galicia na terceira reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Durante esta reunión da comisión CIVEX, debateuse a aprobación de dous ditames: un sobre a mellora do proceso lexislativo na UE e outro sobre o reto europeo e mundial da desinformación ou fake news. Así mesmo, presentáronse tamén dous documentos de traballo para o intercambio de opinións entre os membros da comisión.

Nesta reunión de CIVEX, a Xunta centrou a súa participación na presentación de oito emendas ao ditame do CdR sobre o Plan de Acción contra a desinformación liderado polo estonio Randel Länts. En referencia a este documento, Jesús Gamallo remarcou a importancia clave que xogan todos os niveis de goberno, por tanto tamén os entes rexionais e locais, na loita continua contra a desinformación; sinalando ao mesmo tempo o pouco peso que teñen estes actores no Plan de Acción neste eido posto en marcha pola Comisión Europea e o Servizo Europeo de Acción Exterior en decembro de 2018.

O representante galego defendeu que as rexións poden axudar moito á cidadanía a discernir entre información real e desinformación, ao ser as administracións mellor informadas sobre o que acontece nos seus territorios. Na mesma liña que o resto de membros do CdR, Gamallo apuntou a necesidade de destinar recursos financeiros para que os entes territoriais afronten este complicado reto, incidindo tamén na cooperación transfronteiriza entre todas as autoridades públicas e a necesaria mellora dos coñecementos e instrumentos de prevención da desinformación e das súas modalidades por parte dos funcionarios rexionais e locais. Todos estes esforzos destinaranse a combater eficazmente as campañas de desinformación que dificultan hoxe en día o exercicio da política e a xestión das administracións públicas europeas.

Os líderes rexionais e locais do CdR presentes na reunión CIVEX tamén sinalaron a necesidade de concienciar máis e de involucrar aos medios de comunicación rexionais e locais en particular, e a sociedade civil en xeral, nos labores de prevención e protección contra os efectos negativos da desinformación. Neste sentido, os representantes locais europeos coincidiron en que os diálogos cidadáns e os debates públicos en directo e en liña poderían axudar a lograr estes fins.

Os membros do Comité Europeo das Rexións recomendaron establecer, así mesmo, un marco xurídico europeo que obrigue ás plataformas de redes sociais a ofrecer aos cidadáns un servizo de asistencia e solucións integrais para que estes últimos poidan denunciar a difusión (ou intentos de difusión) de información falsa. Isto facilitaría o traballo da rede de verificadores de datos xa existente e contribuiría o seu desenvolvemento integral.

Debate temático sobre a mellora do proceso de lexislación europeaAntes da análise e discusión dos ditames, tivo lugar un debate temático baixo o título Lexislar mellor, no que se invitou aos membros do CdR a compartir a súa visión e impresións sobre o rol actual dos entes rexionais e locais no proceso lexislativo da UE e as propostas sobre o modo de mellorar a súa participación nas políticas e na toma de decisións. Para introducir este debate, presentáronse as principais ensinanzas extraídas do exercicio de avaliación das actividades da Comisión Europea sobre a mellora da lexislación no período 2015-2018 e as reflexións desta cámara para o futuro.

A Comisión CIVEX do Comité Europeo das RexiónsNo actual mandato 2015-2020, Galicia participa en dúas comisións do Comité Europeo das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que aborda temas como a ampliación da UE, a axenda migratoria ou a relación cos países veciños da UE.

O CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre