Inicio Galicia A Xunta pon en valor o papel da muller no mercado laboral...

A Xunta pon en valor o papel da muller no mercado laboral e aposta por reforzar o seu desenvolvemento profesional

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Mos na mesa redonda ‘Emprego en igualdade: eficiencia e competitividade nas organizacións’ organizada por Executivas de Galicia


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Mos na mesa redonda Emprego en igualdade: eficiencia e competitividade nas organizacións organizada por Executivas de Galicia, onde puxo en valor o papel da muller no mercado laboral e apostou por seguir reforzando con políticas de emprego o seu desenvolvemento profesional.

O obxectivo é facilitar que os traballadores e traballadoras teñan as mesmas oportunidades para o seu desenvolvemento profesional e reforzar o papel da muller promovendo o seu acceso ao emprego e a postos de responsabilidade.

Toca, na súa intervención, apelou á colaboración entre as administracións e os axentes económicos e sociais para acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres indicando que, precisamente, este asunto abordarase no proceso do diálogo social iniciado en Galicia. “É clave traballar todos xuntos para que non haxa trabas que impidan a igualdade efectiva entre homes e mulleres no eido laboral”, engadiu. Neste senso, engadiu que a cooperación favorecerá a inserción das mulleres no mercado de traballo e axudará a equilibrar a súa participación en todos os sectores e todas as categorías profesionais coa dos homes.

A secretaria xeral de Emprego, así mesmo, fixo referencia ao estudo sobre a fenda salarial que vén de presentarse e que elaborou a Universidade de Vigo co apoio da Xunta. Afirmou que o documento é unha ferramenta importante para proxectar políticas de cambio e expuxo as conclusións principais do mesmo. Entre as recomendacións que se inclúen no estudo destacou unha serie de medidas de conciliación que teñan en conta ás familias monoparentais, as situacións de violencia de xénero ou a racionalización das horas extraordinarias.

Outras recomendacións que propón o documento son promover a transparencia salarial e revisar as táboas de salarios en clave de xénero para reformulalas no caso de que sexa necesario; elaborar sistemas de clasificación profesional neutros e transparentes; levar a cabo medidas de acción positiva para a contratación das persoas do sexo menos representado; establecer criterios obxectivos, transparentes e neutros para a promoción profesional; facer unha composición equilibrada dos tribunais de selección; e revisar os complementos salariais, en especial, os relativos á antigüidade.

A secretaria xeral indicou que o diálogo e a negociación colectiva son os mellores instrumentos para abordar a nova realidade do mercado de traballo que ten como un dos retos principais a igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Así mesmo, e, para rematar, destacou a importancia de vixiar o cumprimento dos criterios de igualdade nas empresas recordando que a Xunta, ademais de contar con apoios para impulsar o papel da muller no mercado laboral, traballa en coordinación coa Inspección de Traballo con actuacións dirixidas á persecución da discriminación por razón de xénero.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre