Inicio Galicia A Xunta pon en valor o modelo de formación dual e flexible...

A Xunta pon en valor o modelo de formación dual e flexible para a reactivación do emprego en Galicia

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou hoxe en Santiago de Compostela no webinario Sesións persoais de coaching #RumboDixital


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, sinalou hoxe en Santiago, na súa intervención no webinario Sesións persoais de coaching #RumboDixital, que a formación é un elemento clave para a reactivación económica e a recuperación do emprego.

Así, puxo en valor o modelo de formación dual e flexible no que se combina a cualificación das persoas desempregadas cun contrato de traballo, programas polos que aposta a Xunta para a reactivación do mercado laboral. Do que se trata, segundo apuntou, é achegar respostas formativas a medida para o emprego, incidindo na importancia da formación on line no novo contexto marcado por un maior uso das novas tecnoloxías.

O director xeral expuxo as principais liñas da nova Axenda de Emprego, aprobada pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño, para a recuperación do emprego de calidade. En consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica, conta cun orzamento de 196,7M€, prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas das que se beneficiarán máis de 65.000 galegos e galegas.

O obxectivo da nova folla de ruta é recuperar no menor tempo posible o emprego destruído desde mediados do mes de marzo e restaurar a senda de crecemento que se vivía en Galicia antes da covid-19.

Casal explicou que os principais retos aos que se debe enfrontar o mercado laboral actual son impulsar unha transformación tecnolóxica nas empresas a través da formación, facilitar a convivencia das diferentes formas de traballo –presencial e teletraballo– garantindo a seguridade tecnolóxica, protexer aos grupos de risco sanitario no traballo e mellorar o acceso dos traballadores e usuarios ao servizo de emprego da Administración autonómica.

A Xunta confía con esta planificación en dar resposta ás necesidades dos traballadores, dos autónomos e das empresas galegas a medida que evolucione a situación actual e apoialas para facilitar a transición cara a un novo contexto laboral poscovid-19. Ademais, as iniciativas recollidas na nova Axenda contribuirán a recuperar a confianza do mercado laboral para consolidar a senda do emprego de calidade nunha Galicia competitiva.

Por último, o director xeral afirmou que a vía para crear emprego de calidade é escoitar propostas e atender as necesidades reais e puntuais axustadas ao contexto actual.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre