Inicio Galicia A Xunta pon en valor entre a mocidade o valor ecolóxico e...

A Xunta pon en valor entre a mocidade o valor ecolóxico e medioambiental das Illas Cíes dentro da campaña de verán 2018

0

Durante esta actividade, os mozos e mozas realízase labores de conservación, vixilancia de incendios, información e sensibilización ao visitante, ademais doutro tipo de actividades de lecer como rutas guiadas, mergullo ou obradoiros

Un grupo de 26 mozos e mozas entre os 18 e os 30 anos de idade participan na segunda das catro quendas do campo de traballo que a Xunta de Galicia desenvolve durante os meses de xullo e agosto nas Illas Cíes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou na xornada de hoxe esta actividade de ámbito internacional que se enmarca na Campaña de Verán 2018 e que reúne a 9 participantes procedentes de diferentes municipios de Galicia, 10 doutras comunidades autónomas (3 de Castela-A Mancha, 2 de Castela e León, 2 de Estremadura 2 da Rioxa e 1 de Ceuta) e 7 chegadas do estranxeiro (5 de Francia, 1 de Alemaña e 1 de Italia).

Ademais de desfrutar de 12 días de convivencia nun espazo dun valor ecolóxico incalculable que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, as persoas participantes levan a cabo accións de voluntariado que consisten basicamente en labores de mantemento da illa de Monteagudo, situada na zona norte das Cíes. Tamén se ocupan da vixilancia de incendios, de tarefas de información e sensibilización do visitante e de realizar intervencións puntuais de mellora no parque en colaboración co persoal do servizo de medio ambiente, así como de acometer, cando as condicións o permiten, a limpeza da illa sur, a única que non está comunicada por barco de viaxeiros.

Estes traballos de conservación do patrimonio natural das Cíes compleméntase cunha programación máis enfocada ao ocio e ao lecer na que os mozos e mozas desenvolven actividades deportivas, de mergullo, rutas guiadas ou obradoiros, entre outras.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar, neste caso, un espazo natural tan privilexiado como son as Cíes”.

Nesta liña, apuntou que este tipo de actividades “tamén promoven a participación e implicación da xuventude, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel. 

No hay comentarios