Inicio Galicia A Xunta pon en valor en Cuntis os programas integrados para incrementar...

A Xunta pon en valor en Cuntis os programas integrados para incrementar as oportunidades laborais dos desempregados

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, visitou hoxe aos alumnos e alumnas da iniciativa que se desenvolve en Cuntis, en colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Portas e Barro

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe en Cuntis aos alumnos e alumnas que están a formarse no Programa Integrado de Emprego (PIE) Máis Emprego III, unha iniciativa cun ano de duración e cun obxectivo de inserción laboral do 37%, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia a través dunha axuda de 250.000 euros. En total, están a participar 100 persoas desempregadas, principalmente menores de 30 cualificados e con baixa cualificación e maiores de 45 anos.

Marnotes salientou o bo resultado dos programas integrados que teñen como reto principal incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna. De feito, a formación que se está a impartir en Máis Emprego III está relacionada co mercado laboral da comarca. Deste xeito, a formación céntrase, entre outros, en actividades auxiliares administrativas, técnicas comerciais, loxística e xestión de stocks, hostalería e turismo, actividades auxiliares en adegas, soldadura e fontanería, traballos forestais, de xardinería, de limpeza en superficies e mobiliario en edificios e locais, manipulación de cargas e de alimentos.

O PIE, ademais, ten en conta a situación individual de cada alumno ou alumna para facilitarlle a conciliación da súa vida familiar e laboral.

Marnotes tamén sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade. Na actualidade, estanse desenvolvendo en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Nesta edición do programa priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre