Inicio Galicia A Xunta pon en marcha unha nova edición do Plan de formación...

A Xunta pon en marcha unha nova edición do Plan de formación para o persoal dos centros de información á muller

0
image_gallery.jpg

O programa formativo terá unha duración total de 45 horas distribuídas en seis xornadas que se impartirán de forma telemática en varias sesións a grupos dun máximo de 25 persoas


A Xunta porá en marcha un ano máis o plan de formación dirixido ao persoal dos Centros de Información á Muller (CIM) para abordar asuntos que os seus profesionais tratan no seu traballo diario. Desta forma, o Goberno galego forma aos traballadores e traballadoras destes centros para que poidan dar unha atención máis eficiente ás mulleres que requiren dos seus servizos.

A edición deste ano impartirase en varias sesións de forma telemática e contará con seis xornadas formativas dunha duración de 45 horas para grupos de entre 20 e 25 persoas. O prazo de inscrición está aberto ata o próximo 18 de setembro.

Durante as seis xornadas trataranse temáticas como as técnicas de autocoidado para previr e atallar o síndrome de Burnout; a eficiencia no teletraballo; as repercusións do Ingreso Mínimo Vital ás mulleres perceptoras doutras axudas; as ferramentas xurídicas en materia de estranxeiría para asesorar a mulleres estranxeiras; así como as posibilidades que ofrecen a atención telefónica na prestación de servizos ás usuarias dos CIM ou a comunicación a través das redes sociais.

As xornadas contarán coa participación de expertos como a pedagoga Sandra Fernández Prado; David Blay, consultor de empresas en teletraballo; Elena Andrade Ramos, coordinadora provincial de Centros de Atención e Información da Seguridade Social da Coruña; Enrique Calvo Cádiz, director da Área de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno na Coruña; e o director do portal Briefing Galego, Fernando Rodríguez da Torre.

Os 82 Centros de Información á Muller seguiron a funcionar durante o estado de alarma decretado pola crise sanitaria do coronavirus prestando atención por vía telefónica e telemática, e mesmo ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade. No primeiro semestre deste ano atenderon 5.465 consultas, 779 máis que no mesmo período do exercicio anterior.

Ademais, estes centros reciben axudas da Xunta destinadas a financiar a contratación para cubrir postos de traballo de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. As axudas enmárcanse na orde dirixida ás entidades locais para a promoción da igualdade cofinanciada polo Fondo Social Europeo, que ademais da liña de apoio aos CIM, contempla tamén subvencións para o fomento da conciliación, de promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero, así como para campañas de sensibilización e información sobre a igualdade. Do orzamento global de 6,6 millóns na convocatoria deste ano, a contía máis elevada, con 4,4 millóns, vai dirixida aos CIM.

Por outra banda, Galicia conta cun decreto que regula a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal do servizo da Administración co obxectivo de integrar a perspectiva de xénero na totalidade da actuación administrativa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre