Inicio Galicia A Xunta pon en marcha un plan de reforzo destinado á atención...

A Xunta pon en marcha un plan de reforzo destinado á atención e protección das vítimas de violencia de xénero

0

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, informou hoxe deste plan nunha reunión por videoconferencia con responsables de Igualdade das comunidades


A Xunta vén de poñer en marcha un Plan de Reforzo para garantir a seguridade das vítimas da violencia de xénero durante a vixencia de estado de alarma polo coronavirus. Así o explicou hoxe a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, nunha reunión por videoconferencia con responsables de Igualdade do resto de comunidades autónomas e coa delegación especial do Goberno central para a violencia de xénero.

O Goberno galego está a traballar neste eido para, debido á situación derivada da evolución do COVID-19, atender, acompañar e protexer ás mulleres co obxectivo de mitigar as situacións de violencia pese ao illamento e ao confinamento domiciliario. Con este plan, a Xunta dá continuidade as actuacións postas en marcha para a prevención e loita contra a violencia de xénero, ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Nesta liña, Galicia xa conta coa primeira guía de recursos na comunidade para facer fronte á violencia de xénero destinados ás vítimas.

O Plan de Reforzo manterá activo o servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, operará con normalidade o asesoramento xurídico en liña a través do enderezo http://igualdade.xunta.gal/gl/content/asesoramento-xuridico-line e seguirán operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.

As mulleres vítimas e os seus fillos e fillas continuarán a ter á súa disposición, de forma presencial cando sexa posible e por vía telefónica, o servizo de quenda de garda psicolóxica permanente e especializada que presta apoio nos momentos iniciais de presentación da denuncia. O mesmo ocorre co apoio psicolóxico e social que prestan profesionais de psicoloxía e traballo social nas Oficinas de Atención ás Vítimas que funcionan nas sedes xudiciais das sete cidades galegas. Ademais, realizaranse seguimentos telefónicos coas vítimas con ordes de protección activas ou ás que se lle diten durante o estado de alarma.

Tamén se manteñen operativos -en liña, por teléfono ou por correo electrónico- os servizos administrativos de carácter esencial para as vítimas, e o pago de todas as axudas económicas, que ademais seguirán a tramitarse na sede electrónica da Xunta. De feito, o bono de alugueiro social que a Administración galega ten a disposición das vítimas de violencia de xénero poderá ampliarse ata chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro durante 1 mes, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Recursos de acollidaNa súa intervención, Natalia Prieto, destacou a importancia de ter declarado como servizo esencial todos os centros de asistencia integral ás vítimas de violencia contra as mulleres para que poidan seguir funcionando pese ao estado de alarma. En canto á cobertura das necesidades de acollida, o Plan de Reforzo en Galicia recolle que o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero manterá a atención ás súas usuarias, mentres que o Centro de Emerxencia de Vigo funcionará con normalidade ata completar capacidade, pero non se aceptarán ingresos doutras comunidades durante o período de alarma. Nos centros de acollida de titularidade municipal da Coruña, Ferrol, Culleredo e Lugo, así como nos de iniciativa social de Ourense e Burela, proponse tamén continuar a acollida ata completar capacidade.

En caso de que se precisasen máis prazas durante o estado de alarma, a Xunta porá en marcha recursos alternativos e temporais de acollemento destinando hostais ou pensións dentro do acordo coas Federacións de empresas hoteleiras; as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública que conta con cuartos habilitados; ou as das Residencia de Tempo libre da Xunta en Panxón e do Carballiño. En todos estes casos constituiríanse grupos de intervención e apoio psicolóxico,social e de asesoramento xurídico e o traslado das vítimas facilitarase mediante a colaboración coa Federación Galega do Taxi.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre