Inicio Galicia A Xunta pon en marcha o primeiro Pacto pola Paisaxe que une...

A Xunta pon en marcha o primeiro Pacto pola Paisaxe que une ás dúas provincias do interior de Galicia para protexer, conservar e difundir os valores naturais e patrimoniais de 21 concellos

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda preside a sinatura do convenio polo que se planificarán as accións que recolle o segundo pacto que se asina en Galicia e que serán financiadas ao 100 por cento pola Xunta


O primeiro Pacto pola Paisaxe que une Lugo e Ourense, as dúas provincias interiores de Galicia, da o paso definitivo coa sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. A finalidade principal deste pacto é protexer, xestionar e ordenar a paisaxe que conforman os 21 concellos que se integran nesta área paisaxística.

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá a firma do convenio de colaboración polo que se impulsarán accións para velar polos valores naturais e patrimoniais que atesoura esta área de interese paisaxístico, que resulta da fusión de dúas: a do Canón do Sil e do Canón do Miño. Este convenio implica un orzamento de 550.000 euros, que serán achegados pola Xunta de Galicia na súa totalidade.

O Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra -o segundo que se firma en Galicia, despois do de Cerdedo-Cotobade- recolle unha serie de actuacións iniciais, como a realización de murais e esgrafiados, a delimitación de itinerarios de interese paisaxístico, a organización de eventos culturais e de ocio, así como a organización dunha mostra itinerante sobre esta zona que percorrerá toda Galicia.

Tal e como explicou a conselleira, este Paco pola Paisaxe é un dos dez proxectos que integran o Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que puxo en marcha o departamento que dirixe e que está dotado cun orzamento de 3,5 millóns de euros, e que representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico beneficiando a un total de 30 concellos.

A conselleira destacou que algúns dos proxectos están xa materializados, como a unificación das dúas áreas de especial interese paisaxístico nunha, a declaración da Área Integral da Ribeira Sacra e a convocatoria de axudas para a financiación de accións en materia de rehabilitación, e a recuperación dos espazos públicos grazas aos investimentos a cargo do Plan hUrbe, cun total de oito actuacións en senllos concellos desta zona e que suman un importe de 650.000 euros. Tamén, no eido da ordenación, salientou o Plan de Ordenación do Medio Físico para San Fiz de Asma, no Concello de Chantada.

O plan estratéxico tamén inclúe medidas para dar a coñecer o patrimonio natural que atesoura a Ribeira Sacra, polo que se traballa na posta en marcha da iniciativa Árbores con historia, unha nova ruta específica para esta zona que seguirá o esquema das tres rutas xa existentes (Santiago-Rías Baixas, Ourense Occidental e Ourense Oriental), co fin de divulgar os elementos incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que se localizan na futura Reserva da Biosfera.

Nese sentido, recordou que a Xunta de Galicia defende a divulgación como ferramenta de protección e conservación, polo que se impulsan medidas para protexer o patrimonio natural, pero tamén que permitan revitalizar o seu atractivo, facendo que estes espazos naturais sexan máis sostibles e compatibilizando a súa conservación co seu uso e desfrute.

Por último, a conselleira destacou que Galicia atesoura paisaxes espectaculares e únicas, que na Ribeira Sacra se concentran nos incomparables canóns dos ríos Miño e Sil e que son un auténtico reclamo para o turismo sostible con capacidade de xerar emprego e riqueza, un aspecto clave no desenvolvemento económico de poboación local.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre