Inicio Galicia A Xunta pon en marcha novas medidas en centros residenciais para seguir...

A Xunta pon en marcha novas medidas en centros residenciais para seguir facendo fronte á covid

0
image_gallery.jpg

Feijóo destaca un protocolo para regular as visitas aos usuarios de residencias en zonas afectadas pola covid para reducir o impacto do confinamento


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, no Consello da Xunta, a posta en marcha de novas medidas en centros residenciais acordadas polo comité clínico de expertos para seguir facendo fronte a pandemia, e entre as que destacou un protocolo para regular as visitas aos usuarios de residencias en zonas afectadas pola covid para reducir o impacto do confinamento.

Conscientes de que a restrición da mobilidade e do contacto social ten repercusións negativas nos maiores, especialmente na incidencia de síndromes xeriátricos; o illamento favorece a aparición de trastornos como ansiedade ou depresión; e as limitacións de mobilidade favorecen o sedentarismo, podendo agravar deterioracións cognitivas xa presentes, Feijóo confirmou a elaboración dun protocolo que entrará en vigor os vindeiros días, con medidas para manter o equilibrio entre a necesidade de evitar os contaxios e manter a interacción entre os residentes e os seus seres queridos, aínda que haxa restricións no termo municipal onde se sitúa.

Deste xeito, o documento establece o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e extremando as medidas de prevención.

Para realizar as visitas deberá solicitarse cita previa, os visitantes deberán estar no centro con antelación e se lles realizará unha avaliación para detectar posibles síntomas. Ademais, deberán desinfectar mans, respectar distancias e usar máscara.

Así mesmo, e se é posible, a visita terá lugar nun lugar aberto axardinado. E cando non, habilitarase unha sala específica cerca da entrada, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída.

Nesta liña, Feijóo subliñou que este protocolo tamén recolle que as persoas con discapacidade que realizan habitualmente saídas durante a fin de semana ao domicilio familiar poidan seguir facéndoo, realizándoselles un test cando volvan ao centro.

Nesta liña, permitirase a presenza dos familiares e as especiais necesidades do paciente naqueles casos nos que, desgrazadamente, se atopen ao final das súas vidas e cun desenlace inminente.

O presidente da Xunta confirmou ademais que o comité clínico está a traballar na elaboración dunhas instrucións para poder manter abertos os centros de día, aínda nos casos en que estean en zonas con restricións, sempre de acordo cun protocolo que entrará en vigor na próxima semana. Por outra banda, e tamén ao respecto das residencias, destacou o establecemento dun plan de inspección conxunta entre Sanidade e Política Social para inspeccionar todas as residencias da terceira idade, comezando polas que teñen máis de 100 internos. “Imos intentar insistir na execución e na supervisión dos protocolos ás que están sometidas as residencias da terceira idade de Galicia e os centros de discapacidade”, destacou Feijóo.

Todo isto, coa finalidade de anticiparse e actuar con dilixencia, para evitar que o virus se propague, especialmente nun lugar tan vulnerable como as nosas residencias de maiores.

Feijóo referiuse tamén á posta en marcha de cribados constantes entre o persoal dos centros sociosanitarios. Así, cada 15 días faranse un cribado das 15.000 traballadores que están nas residencias e centros de discapacidade, é dicir, ao 100% do persoal. Adicionalmente, levarase a cabo unha mostraxe aleatoria entre os usuarios das 300 residencias de Galicia, para unha vez máis anticiparse e detectar posibles incidencias antes de que se produzan síntomas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre