Inicio Galicia A Xunta pon en marcha mañá case 500 novas liñas de transporte...

A Xunta pon en marcha mañá case 500 novas liñas de transporte público que melloran o servizo aos usuarios e garanten o emprego de 260 condutores e 206 acompañantes escolares

0
image_gallery.jpg

Os servizos correspóndense con 10 contratos de transporte público, cun volume de negocio estimado en 14 millóns de euros, dos que a Xunta achegará 11,8 millóns


A Xunta pon en marcha mañá 498 novas liñas de transporte público que melloran o servizo aos usuarios e garanten o emprego de 260 condutores e 206 acompañantes escolares.

Estes servizos correspóndense con 10 novos contratos de transporte público, que supoñen un volume de negocio estimado en 14 millóns de euros, dos que a Xunta achegará 11,8 millóns.

Os novos contratos operarán nas provincias da Coruña e de Pontevedra, agás un que se centrará na provincia de Lugo.

Cómpre precisar que das novas liñas, un total de 385 serán de autobús compartido e 387 contarán con, polo menos, unha parada baixo demanda.

A prestación destas expedicións contempla a utilización dun total de 287 autobuses que percorrerán 6,5 millóns de quilómetros cada ano, a través de máis de 5.800 paradas, e reservarán praza para uns 8.000 escolares.

Os usuarios destas liñas poderán consultar os horarios a través da páxina web www.bus.gal. Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade esta mesma mañá remitiu esta información aos 101 concellos nos que operan os citados servizos de transporte, informando a cada municipio dos novos contratos e horarios que empezan a funcionar no día de mañá.

Os 19 contratos restantes cos que se completa o Plan de transporte público de Galicia adxudicaranse nos vindeiros meses, unha vez resoltos todos os recursos presentados polas empresas, co obxectivo de acadar a plena implantación dos servizos a comezos do ano 2021.

O Goberno galego, con esta renovación dos contratos, prevé a extensión progresiva a todas as liñas de autobús interurbano das tarxetas de Transporte Metropolitano de Galicia e da tarxeta Xente Nova. Con este último dispositivo os menores de 21 anos viaxan de balde no transporte dependente da Xunta.

A Administración autonómica dá un novo paso adiante no proceso de implantación do Plan de transporte público de Galicia coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, que se celebra este ano baixo o lema “Por unha mobilidade sen emisións”. Esta iniciativa busca promover unha mobilidade baixa en emisións, en liña co Pacto Verde Europeo.

Neste marco, ademais do Plan de transporte público, co que o Goberno galego busca ofrecer servizos máis útiles, modernos e eficientes aos cidadáns, fomentando o uso do transporte colectivo e reducindo a pegada do carbono nas cidades e vilas, tamén está apostar por unha mobilidade sostible a través da construción de itinerarios peonís e ciclistas en distintas estradas autonómicas.

Nos últimos anos, a Xunta puxo en servizo máis de 170 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para favorecer que os cidadáns poidan realizar os seus desprazamentos cotiás a pé ou en bici, dun xeito máis respectuoso co medio.

No seguinte cadro indícanse os novos contratos que mañá entran en funcionamento, así como os concellos beneficiados e as empresas que prestan os servizos.  CÓDIGO

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre