Inicio Galicia A Xunta pon en marcha en Ferrol a Materioteca de Galicia, á...

A Xunta pon en marcha en Ferrol a Materioteca de Galicia, á disposición de profesionais e empresas para impulsar a innovación a través do deseño

0

Esta biblioteca de materiais de referencia de Galicia é unha das novidades do Programa de Deseño para a Innovación 2020, posto en marcha en 2018 co obxectivo de incorporar o deseño nas empresas como motor de innovación


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, explicou esta mañá na presentación da materioteca de Galicia en Ferrol que este novo recurso aspira a ser “un punto de referencia para todos os profesionais galegos que investigan, innovan e deseñan na órbita dos novos materiais, tanto para os que os crean como para os que os aplican, e un foco de difusión da tecnoloxía de materiais con orixe en Galicia, para apoiar a súa proxección internacional”.

Argerey contextualizou este novo recurso no marco das políticas de innovación europeas e galegas, na medida en que os novos materiais están recoñecidos no marco da política industrial europea como unha tecnoloxía facilitadora esencial, tecnoloxías de carácter transversal cunha alta intensidade en coñecemento que son cruciais na xeración de riqueza nun territorio. Do mesmo xeito, a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) e a Axenda Galicia-Industria 4.0 destacan o alto potencial industrial dos novos materiais.

Esta nova instalación, situada no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), é unha das novidades do Programa de Deseño para a Innovación 2020, que a Xunta puxo en marcha en 2018 co obxectivo de fomentar a incorporación e sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade. Neste marco, téñense desenvolvido outras iniciativas para acompañar ao ecosistema do deseño cara unha maior posta en valor, como as xornadas e encontros de traballo, reunións con representantes de diferentes entidades ou edición dunha historia do deseño en Galicia. Ademais, o vindeiro 28 de xuño, con motivo da celebración do Día do Deseño, presentaranse outras accións nas que se estivo traballando nos últimos meses.

A materioteca de Galicia está concibida como a biblioteca de materiais de Galicia e será de libre acceso para deseñadores de diferentes disciplinas, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e demais profesionais implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. Trátase dun espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar as empresas o coñecemento de novos materiais.

Os obxectivos da materioteca son dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia e ofrecer un espazo de inspiración aos profesionais involucrados no desenvolvemento de solucións innovadoras a través do deseño, especialmente aquelas que poden supoñer un salto de competitividade para as pemes galegas. Ademais, centrará os seus esforzos en promover a transferencia de coñecemento, tanto desde os axentes de I+D do campo dos novos materiais á industria, como entre diferentes sectores de actividade. Por último, tamén contribuirá a crear sinerxías entre os organismos de I+D galegos do campo dos materiais e entre eles e as empresas, para o que se promoverá a creación dunha rede de colaboradores e dunha relación de grupos de investigación neste ámbito.

O núcleo da materioteca de Galicia é a exposición física de materiais innovadores e sustentables, que se pode visitar a partir de hoxe, e que actualmente está composta por máis de 150 mostras de materiais – parte deles creados en Galicia e o resto procedentes da Material Connexion Bilbao, unha materioteca de referencia internacional-. Tamén está previsto organizar talleres de traballo, realizar vixilancia tecnolóxica no eido dos materiais, e manter un contacto permanente cos axentes para identificar novos materiais galegos a incorporar na materioteca, entre outras accións de dinamización.

Economía circular Ademais da presentación da materioteca de Galicia, celebrouse un workshop sobre ‘Materiais para a economía circular’, no que se deron a coñecer as últimas tendencias e proxeccións de futuro sobre a achega dos materiais innovadores á economía circular e o crecemento verde. Nel participaron como relatores representantes da Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT) da Universidade de Santiago de Compostela, do Instituto de Cerámica de Galicia e dos centros tecnolóxicos CTAG e CETIM, achegando as propostas máis innovadoras de materiais adaptados aos criterios establecidos pola chamada economía verde, como os materiais de orixe natural, biodegradables ou fotocatalíticos, así como procesos que permiten obter materiais mediante a revalorización dos residuos.

Pola tarde celebrarase tamén un taller práctico de innovación en materiais, impartido polo director do Material Connexion Bilbao, a filial española do maior centro internacional especializado en materiais innovadores e procesos de transformación e socio estratéxico da materioteca de Galicia. Nel traballaron sobre diversos tipos de ecomateriais innovadores para explorar, mediante técnicas de brainstorming e pool de ideas, oportunidades de aplicacións innovadoras partindo de diferentes retos no deseño de produtos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre