Inicio Galicia A Xunta pon en marcha a Materioteca de Galicia para difundir os...

A Xunta pon en marcha a Materioteca de Galicia para difundir os novos materiais galegos como ferramenta de innovación empresarial a través do deseño

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria presenta a biblioteca de materiais de referencia de Galicia o 19 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, presenta o vindeiro mércores día 19 a Materioteca de Galicia. Esta nova instalación, situada no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), está concibida como a biblioteca de materiais de referencia de Galicia e será de libre acceso para deseñadores de diferentes disciplinas, enxeñeiros, arquitectos, tecnólogos e demais profesionais implicados no desenvolvemento de solucións innovadoras para retos empresariais, así como estudantes destas especialidades. Trátase dun espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

A posta en marcha da Materioteca de Galicia enmárcase no Programa de Deseño para a Innovación 2020, a iniciativa coordinada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) para abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e impulsar o deseño como factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia. Esta iniciativa está aliñada cos obxectivos dos dous proxectos europeos deste ámbito nos que participa GAIN: o Design4Innovation e o  User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

As prioridades da nova materioteca son dar visibilidade a novos materiais innovadores desenvolvidos en Galicia e ofrecer un espazo de inspiración aos profesionais involucrados no desenvolvemento de solucións innovadoras a través do deseño, especialmente aquelas que poden supoñer un salto de competitividade para as pemes galegas. Ademais, centrará os seus esforzos en promover a transferencia de coñecemento, tanto desde os axentes de I+D do campo dos novos materiais á industria como entre diferentes sectores de actividade. Por último, tamén contribuirá a crear sinerxías entre os organismos de I+D galegos do campo dos materiais e entre eles e as empresas, para o que se promoverá a creación dunha rede de colaboradores e dunha relación de grupos de investigación neste ámbito.

O núcleo da Materioteca de Galicia é a exposición física de materiais innovadores e sustentables, deseñada como un espazo flexible de inspiración e traballo. Durante a presentación, farase un percorrido polos expositores de máis de 150 mostras de materiais, parte deles creados en Galicia e o resto procedentes da materioteca de referencia internacional, Material Connexion.

Materiais para a economía circularOs asistentes á presentación da materioteca terán ocasión tamén de coñecer as últimas tendencias e proxeccións de futuro sobre a achega dos materiais innovadores á economía circular e o crecemento verde. Será no workshop Materiais para a economía circular, que comezará coa exposición por parte de grupos de investigación, empresas e centros tecnolóxicos das propostas máis innovadoras de materiais adaptados aos criterios establecidos pola chamada economía verde, como os materiais de orixe natural, biodegradables ou fotocatalíticos, así como procesos que permiten obter materiais mediante a revalorización dos residuos. Participarán como relatores representantes da Agrupación Estratéxica en Materiais (AEMAT) da Universidade de Santiago de Compostela, do Instituto de Cerámica de Galicia e dos centros tecnolóxicos CTAG e CETIM.

O workshop completarase cun taller práctico limitado á participación de 50 persoas. Nel traballarán sobre diversos tipos de ecomateriais innovadores para explorar, mediante técnicas de brainstorming e pool de ideas, oportunidades de aplicacións innovadoras partindo de diferentes retos no deseño de produtos. Será impartido polo director de Material Connexion Bilbao, a filial española do maior centro internacional especializado en materiais innovadores e procesos de transformación e socio estratéxico da Materioteca de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre