Inicio Galicia A Xunta pon á disposición dos maiores da cidade de Lugo 15...

A Xunta pon á disposición dos maiores da cidade de Lugo 15 novas prazas residenciais

0

O Goberno galego destina máis de 327.000 euros este ano ao concerto de prazas con Abeiro Gold, unha cantidade que permite ofertar un total de 25

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita á residencia de maiores Abeiro Gold en Lugo, que vén de poñer en marcha 15 novas prazas concertadas, que se suman ás 10 xa existentes, nas súas instalacións grazas á colaboración da Xunta de Galicia.

O titular autonómico explicou que na mellora do benestar das persoas maiores “cómpre traballar conxuntamente e de xeito coordinado tanto coas administracións públicas como coa iniciativa privada que representan un complemento nas accións dos gobernos e das entidades”. Deste xeito, a Xunta de Galicia incrementou a súa colaboración económica con Abeiro Gold, pasando de 130.049 euros no ano 2017 a 327.843 euros neste ano. Unha cifra que permite ofertar un total de 25 prazas concertadas na residencia.

Os usuarios da mesma realizan actividades como talleres de estimulación cognitiva, de memoria, de linguaxe ou manualidades. Ademais, contan con servizos de animación sociocultural, terapia ocupacional, psicoloxía, e fisioterapia e rehabilitación entre outros.

Durante o percorrido polas instalacións, o titular autonómico comprobou de primeira man o traballo que se realiza na residencia, atendida por un equipo multidisciplinar formado por 28 empregados que axudan a garantir a mellor calidade de vida posible ás persoas usuarias. Rey Varela gabou o labor diario que a directiva e os empregados da residencia desenvolven en prol do benestar dos maiores que alí residen.

Tras esta visita, o conselleiro, acompañado do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro Orol, ao centro ocupacional que San Vicente de Paul xestiona na capital lucense. A Xunta de Galicia mantén un concerto de 20 prazas neste centro, e ademais, concerta outras 56 prazas na residencia con centro de día. En total, 76 prazas de atención a maiores e persoas con discapacidade para as que a Xunta achega 1,6 millóns de euros.

Rey Varela tamén enxalzou o traballo que se desenvolve no centro ocupacional, que ten a súa razón de ser en dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade. “As administracións públicas temos a obriga de traballar en defensa dos dereitos daquelas persoas con capacidades diferentes que precisan dun maior apoio”, asegurou Rey Varela.

No marco destas dúas visitas, o conselleiro lembrou que os presupostos da Xunta de Galicia en Lugo para o presente ano contemplan un investimento en materia social de 30 millóns de euros. Desta cantidade, case 10 millóns de euros se destinan a recursos para persoas maiores, dependentes e con Discapacidade.

No que respecta ao global galego, Rey Varela destacou que os maiores e as persoas con discapacidade son unha prioridade para a Xunta de Galicia, por iso “nos orzamentos autonómicos de 2018 aumentamos nun 10% os recursos económicos dirixidos a este colectivo con respecto ao ano pasado, chegando aos 414 millóns de euros”. Unha maior marxe orzamentaria que está permitindo consolidar a rede de prazas residenciais e de atención diúrna, potenciar os coidado profesionais na contorna familiar a través do Servizo de Axuda no Fogar e os programas de Teleasistencia e Xantar na casa. Así mesmo, este crecemento orzamentario fixo posible que a ratio de atención a persoas dependentes supere o 83,5%, e que polo tanto, máis de 55.200 dependentes galegos estean a recibir prestación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre