Inicio Galicia A Xunta pon á disposición da cidadanía recursos culturais online da comarca...

A Xunta pon á disposición da cidadanía recursos culturais online da comarca da Coruña coa campaña #aculturasegue

0

O Goberno galego ofrece durante o estado de alarma unha variada oferta de actividades no eido dixital a través de máis dunha vintena de dotacións

A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón durante este período de confinamento unha programación con abondosas actividades de lecer en rede a través das dotacións culturais da comarca da Coruña. Trátase de propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue nos portais e redes sociais de máis dunha vintena de dotación como museos, bibliotecas ou arquivos, entre outros. Con esta etiqueta, o Goberno autonómico convida a sumarse ás institucións culturais do país, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.

Dentro desta programación destacan as visitas e percorridos en 360º que se ofrecen desde a páxina web de Turismo de Galicia e que permiten coñecer, sen saír da casa, preto de 10 conxuntos monumentais da comarca coruñesa. Así, grazas a este recurso é posible visitar exemplos da riqueza patrimonial de Galicia como os conventos das Agustinas Recoletas de Betanzos ou das Capuchinas, de As Bárbaras e de Santo Domingo na Coruña.

Desde a páxina web tamén se pode afondar nos segredos dos mosteiros de San Salvador de Bergondo, Santa María de Monfero e Santa María de Sobrado dos Monxes, un gran complexo situado no Camiño do Norte no que a Xunta de Galicia está a investir máis de 1,4 millóns de euros na súa conservación.

Dez exposicións virtuaisParalelamente, aínda que o Arquivo do Reino de Galicia non está aberto, segue a ofrecer estes días visitas virtuais as súas exposicións. Así, desde a súa páxina web é posible coñecer os detalles de mostras como Letras galegas: mulleres en galego, Conflitividade laboral feminina na provincia da Coruña. 1938-1945 ou A Química dos arquivos. Outras das exposicións dispoñibles en rede son O caso do marqués de Valladares, Mulleres e mestras, Construír, demoler, conservar: o urbanismo a través dos arquivos ou A ombros de xigantes: Ciencia e Técnica como Patrimonio.

A programación dispoñible no Arquivo do Reino de Galicia complétase cunha mostra sobre o patrimonio, Un patrimonio oculto: os documentos públicos nos arquivos privados, e dúas mostras centradas na figura da muller: O maltrato ás mulleres a través dos documentos e Meigas, feitizos das menciñeiras.

Ademais do arquivo, tamén a Biblioteca Pública Miguel González Garcés propón para este período de confinamiento variados recursos e materiais de entretemento a través da súa páxina web e perfís nas redes sociais. Nesta dotación, ademais de consultar os fondos dispoñibles online, xa están activados os préstamos dixitais para todos os interesados, sexan ou non socios, a través de GaliciaLe, a plataforma de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico.

En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.

Outra boa opción de actividades de lecer son as que ofrecen o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) que dispón entre os seus recursos dixitais de diferentes materiais audiovisuais históricos de Galicia e da cultura galega, así como dunha selección dos proxectos de curtametraxes que se incluíron en Cinema en Curso.

Percorrido polas salas expositivasNo Museo de Belas Artes da Coruña, do mesmo xeito que acontece en moitos dos centros museísticos dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, é posible facer un percorrido completo polas súas salas expositivas, e contemplar as obras como se se estivera no interior e con información complementaria. Esta opción complétase coa aplicación móbil SC Museo Belas Artes da Coruña permite ver en alta resolución e cun nivel de detalle asombroso unha selección de obras singulares da colección e unha escolma de obras representativas, de xeito individual e cunha explicación e contextualización moi pormenorizada.#aculturasegueCómpre lembrar que esta iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores, axentes e dotacións culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Baixo esta etiqueta, a Xunta convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre