Inicio Galicia A Xunta pide ao Estado que certifique a dispoñibilidade de crédito para...

A Xunta pide ao Estado que certifique a dispoñibilidade de crédito para a dragaxe da ría do Burgo e que licite xa as obras porque xa non hai escusas

0
image_gallery.jpg

O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica hoxe a orde pola que se modifican os plans de explotación marisqueira existentes na zona co obxectivo de suspender a actividade extractiva cando comecen as obras, tal como acordaron os Executivos autonómico e central


As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediron hoxe ao Estado que certifique a existencia do crédito necesario e suficiente para executar as obras de dragaxe da ría do Burgo e que licite de xeito inmediato os traballos, sen máis demoras nin retrasos. As representantes do Executivo galego realizaron esta demanda despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase hoxe a orde que modifica os plans de explotación marisqueira existentes na zona co obxectivo de suspender a actividade marisqueira cando comecen as actuacións sobre o terreo, tal como acordaron a Xunta e o Goberno central.“O proxecto é de extrema importancia para Galicia e a publicación no DOG é unha mostra de boa vontade e lealdade institucional do Executivo galego. Agora administrativamente xa non hai escusas e hoxe mesmo, posto que o proxecto xa está aprobado, o Estado podería remitilo ao Boletín Oficial do Estado para a súa licitación”, subliñou a conselleira do Mar.

A Xunta lembra que leva mantendo contactos co Goberno central desde marzo para desbloquear este proxecto e que as reunións das asesorías xurídicas das dúas partes demostraron que o Executivo galego non podía certificar a dispoñibilidade dos terreos como pedía o Estado, por ser de titularidade estatal, e que tampouco era preciso suspender a actividade marisqueira antes do inicio das obras tal como recollía o propio proxecto de dragaxe da ría do Burgo. Uns asuntos e esixencias nos que finalmente se confirmou que o criterio da Xunta era o correcto e que non tiñan base xurídica pero que retrasaron de xeito inxustificado a tramitación da obra.

A titular de Mar salientou a importancia da obra para os veciños e profesionais dos concellos de Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo e solicitou ao Estado celeridade na licitación dos traballos, sen pretextos que demoren o inicio das actuacións. Neste sentido, recordou que nos orzamentos do Estado de 2018 xa había unha partida orzamentaria de 24 millóns de euros para a execución desta obra e que a maiores pode cofinanciarse con fondos europeos para obras hidráulicas ou de rexeneración. “Non hai ningún impedimento para licitar a obra hoxe mesmo e sería unha satisfacción se así ocorrese. O noso compromiso é total e de feito ata expuxemos ao Estado que estabamos dispostos a acometer nós mesmos a obra, a través da Consellería de Infraestruturas, se nos traspasaban os fondos para poder executala”, salientou Rosa Quintana.

Publicación no ‘DOG’A orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia supón incluír unha cláusula nos plans de explotación aprobados á Confraría de Pescadores da Coruña na zona afectada polos traballos de rexeneración pola que se suspenderá a actividade marisqueira unha vez que se inicie a execución do contrato de obras de dragaxe. Esta cláusula supón tanto cumprir co acordado co Estado como a confirmación do compromiso trasladado pola Xunta desde o principio de que suspenderá a actividade marisqueira no momento en que comecen os traballos, na liña do comunicado tamén pola confraría de pescadores nas súas alegacións ao proxecto de dragaxe.

A suspensión da actividade marisqueira realizarase tendo en conta que é incompatible coas obras por distintas causas, como a ocupación física e a alteración do substrato, así como a alteración da calidade das augas. Ademais, algúns bancos marisqueiros veranse afectados polas actuacións de dragaxe, polo que será necesario realizar algunhas operacións previas e finais co obxectivo de garantir a súa produtividade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre